A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Sanidade e Benestar, Ángela Troitiño, presentaron a iniciativa que ten como obxectivo fortalecer o benestar emocional da cidadanía a través de varias medidas integrais
O servizo ‘Silleda Acompáñate’ será un dos eixos centrais do plan, como vertebrador das accións relacionadas coa saúde mental no municipio
O Concello de Silleda vén de converterse no primeiro municipio galego da súa categoría en contar cun plan de saúde mental. A iniciativa, con distintas medidas ata o ano 2027, conta cun programa ambicioso que ten como obxectivo fortalecer a saúde mental da cidadanía mediante unha serie de medidas integrais que cubran as necesidades de diversos grupos de poboación.
A concelleira de Benestar e Sanidade, Ángela Troitiño, foi a encargada de esplicar as claves do plan no acto celebrado esta tarde na casa do concello. Este programa susténtase en cinco liñas de actuación que abordan dende a prevención de problemas de saúde mental ata a atención específica a colectivos especialmente vulnerables, asegurando un enfoque adaptado á realidade local.
Así, ademais das actuacións para a poboación en xeral, con accións en materia de autocoidado, orientación laboral ou creación de redes de apoio con entidades do terceiro sector, o Plan Municipal de Saúde Mental de Silleda, contempla actuacións específicas para as persoas maiores, as mulleres, colectivos como a infancia e a adolescencia e outros grupos que polas súas circunstancias presentan unha maior vulnerabilidade emocional (Policía Local, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, persoas inmigrantes…)
Programa Silleda Acompáñate
Un dos eixos centrais será o programa Silleda Acompáñate, un servizo que se establece como vertebrador das accións relacionadas coa saúde mental no municipio.
Silleda Acompáñate ofrecerá un servizo de orientación e asesoramento psicolóxico, accesible para toda a cidadanía, e dende o que se levará a cabo unha avaliación das necesidades emocionais das persoas usuarias para , de ser necesario, derivalas a servizos especializados.
“Así mesmo, tamén se farán campañas para fomentar o autocoidado con accións específicas como sesións e obradoiros sobre autocoidado físico e mental, actividades en centros educativos e se instalarán puntos de información en espazos públicos como parques, centro de saúde ou outras áreas con recomendacións sobre o exercicio ao aire libre e de relaxación”, indicou a concelleira.
O acto contou cas intervencións de tres especialistas sillendenses en distintas áreas. Así, Raquel Romero, técnica superior en dietética e nutrición e coach nutricional, explicou a relación entre a alimentación e a saúde mental, subliñando como unha dieta equilibrada pode impactar positivamente no noso benestar emocional.
Pola súa banda o fisioterapetua e propietario de e Heia Fisioterapia, Gustavo González, abordou a importancia da actividade física para manter un bo estado mental, facendo fincapé na conexión entre corpo e mente.
Finalmente, Noemí Rilo, licenciada en ciencias sociais e emprendedora coa apertura do centro Voilá para o coidado emocional, ofreceu a súa visión sobre o impacto social do benestar emocional e a súa relación co éxito persoal e profesional.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, clausurou o acto de presentación agradecendo a presenza dos representantes de distintos colectivos e dos especialistas que interviron no acto. “Pese a ser un piar fundamental para o benestar das persoas, a saúde mental se infravalora en moitas ocasións dificultando o día día”, indicou. Paula Fernández asegurou que, por este motivo “no Concello de Silleda, asumindo un dos nosos compromisos como goberno, decidimos apostar por este plan, co que se busca previr a aparición de problemas relacionados ca saúde mental e, tamén, promover un estilo de vida saudable no que o benestar emocional sexa unha prioridade compartida”.
O lanzamento oficial do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027 reafirma o compromiso do Concello de Silleda coa saúde mental e o benestar da súa veciñanza.