Silleda, 14 de decembro de 2012. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda quedou hoxe dictaminado favorablemente para a súa aprobación inicial o vindeiro martes, no pleno extraordinario que se celebrará ás 10.00 horas. O documento, realizada pola empresa Eptisa e que incorporou as correccións solicitadas pola Xunta, contou cos votos a favor dos dous grupos do goberno (PSOE e BNG), e coa abstención do PP.
Sobre a suspensión de licenzas, que é preceptiva naquelas zonas onde varíe a catalogación do solo, cómpre reseñar que queda excluído da suspensión o parque empresarial Área 33, que se rixe polo seu propio plan parcial. A modificación deste plan entrou en vigor o pasado mes de xullo, permitindo novos usos no polígono industrial e outras actuacións coma o adosamento de naves, solicitada polos propios empresarios. “No polígono non se suspenderán as licenzas de obra porque fixemos os deberes antes. Así, permitiremos que os emprendedores que queiran crear novas empresas sigan tendo posibilidades urbanísticas no polígono de Silleda, neste momento de tanta incertidumbre económico”, sinala a alcaldesa e concelleira de Urbanismo, Paula Fernández Pena.
Os permisos de obra tamén se seguirán concedendo para as solicitudes de ampliación de explotacións agrarias no rural, de acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA). “ Con esta medida tamén estamos a apoiar ao sector gandeiro”, engade.
No tocante aos organismos sectoriais aos que se lle debe remitir o PXOM, o informe do técnico municipal recolle que debe de ser a Xunta (Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural, Consellería de Economía e Industria, Administración Local, Deputación de Pontevedra e Concellos limítrofes).
A única aportación do PP
Os membros do Partido Popular que acudiron á comisión limitáronse a solicitar unha copia do documento en CD. A alcaldesa díxolles que a pediran por escrito, “logo de ver o mal uso que xa fixeron unha vez do documento”. Tamén o voceiro do BNG, Matías da Torre, lles recriminou que “só quixeran a copia do documento para poder latricar nestes últimos tres días, porque ao PP non se lle coñece ata hoxe ningunha aportación”.
Sí se lles deu a opción de consultalo de xeito inmediato no Concello ata o vindeiro luns á hora que eles queiran, para ver os planos, e de feito, os dous voceiros do PP quedaron rematada a sesión vendo por primeira vez o documento que irá a Pleno. “Non sabemos se van volver querer velo antes da sesión plenaria, o que sí sabemos é que non o quixeron ver antes”, sinala Paula Fernández, xa que dende que o documento, coas correcións da Xunta, chegou ao Concello, a finais do pasado mes de novembro, o PP non solicitou ver a documentación en ningún momento.
Segundo manifestou na comisión a vicevoceira popular, Marta López Arines, daríalles tempo suficiente a revisalo nestes últimos tres días. “Vendo o traballo que realizou a oposición en todo o proceso, non nos estraña para nada esta actitude”, sinala Paula Fernández, que logo de “oír como sinalaban na comisión que a posición do PP xa se verá no Pleno”, lamenta a falta de “criterio e rigor político do PP ante o documento máis importante par ao futuro do municipio”.
Na comisión déronse a coñecer os informes técnicos, que son favorables.No caso de Secretaría, o informe (entregado onte xoves ás 14:55 horas) non contén ningunha valoración xurídica, se ben durante a comisión, a secretaria informou verbalmente de dúbidas ao respecto da tramitación. En concreto, as dúbidas manifestadas referíanse ao ámbito de suspensión das licenzas de obra, e os organismos sectoriais que terían que informar sobre o planeamento de Silleda, cuestións que foron aclaradas requerindo a presenza do técnico municipal que informou ao respecto tamén verbalmente.
“Lamentablemente, ningún membro do goberno tiñamos coñecemento destas dúbidas, que a habilitada plantexou na propia sesión, e que foron debidamente contestadas polo técnico municipal, nunha práctica que se está convertindo en habitual por parte desta funcionaria”, engade.