O prazo das subvencións municipais de Silleda e as axudas á creación de emprego abrirase ca aprobación da convocatoria

-O BOP de Pontevedra vén de publicar as bases das axudas culturais, deportivas e veciñais, así como as de creación de emprego, que estarán expostas durante un mes. Transcorrido ese prazo e aprobada a convocatoria das mesmas, abrirase o prazo de solicitude en cada unha delas

 

Silleda, 17 de febreiro de 2023.  O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra, vén de publicar as bases de distintas axudas do Concello de Silleda. Así, onte xoves día 16 publicáronse as bases das subvencions a entidades culturais, deportivas e veciñais e/ou de participación social. Unha vez transcorrido o prazo de publicación dun mes, procederase  a aprobación da convocatoria de cada unha das tres liñas. A partir da súa publicación tamén no BOP, abrirase o prazo de solicitude, que será dun mes contado a partir do día seguinte da citada publicación. Entre as tres axudas repartiráse un total de 101.000 euros.

Do mesmo xeito, hoxe venres tamén se publicaron as bases do programa de Axuda á Creación de Emprego, dotado con outros 20.000 euros para axudar á posta en marcha de iniciativas que emprendan persoas en situación de desemprego. Ao igual que as anteriores, a convocatoria para todo o exercicio abrirase unha vez publicada a convocatoria do programa.