O prazo de inscrición para o Servizo Lúdico Educativo do vindeiro curso abrirase o vindeiro venres día 19

Silleda, 16 de xullo de 2019.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño , abre este venres día 19 o prazo de inscrición no Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, para o vindeiro curso 2019-2020.

Este programa está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade. Os interesados/as en participar deben cubrir un formulario de inscrición e presentalo no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo de presentación das solicitudes remata o venres 2 de agosto.

Os formularios para a inscrición están dispoñibles no Rexistro Municipal e tamén se poden descargar xa a través da web municipal (www.silleda.gal). O número de prazas do servizo é limitado, e como se fixo o ano anterior e atendendo ao novo Regulamento para o servizo que se aprobou  en 2018 a admisión non se rexerá só pola orde de entrada das solicitudes. Así, teranse en conta novos criterios en base á situación das familias, primando a aquelas nas que os dous proxenitores estean traballando (dado que se trata dun servizo de conciliación); familias monoparentais …. e outros supostos recollidos no propio Regulamento, que tamén se pode consultar na web municipal.

 

Preinscrición nas actividades de Nadal e de Verán

Do mesmo xeito, e ao igual que se fixo o pasado ano, o formulario inclúe tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.

O campamento de Nadal será dende o día 23 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2020 e o de verán dende o 22 de xuño ata a víspera de inicio do curso 2020-2021.

Na Bandeira, ao igual que nestes últimos anos,  só se ofertan os campamentos de Nadal e Verán. Para que o campamento de Nadal se realice na Bandeira será necesario que haxa un mínimo de 25 inscricións. Coa inscrición hai que axuntar unha serie de documentación, (fotocopia do Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor,  declaración da Renda 2018, documentos que acrediten a situación laboral dos proxenitores…), e entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.

Para recibir máis información as familias interesadas poden dirixirse ao departamento municipal de Educación, chamando ao 986 592037.