Silleda, 14 de marzo de 2018. O vindeiro día 31 de marzo rematará o prazo para solicitar, neste exercicio, a bonificación do 95% para as explotacións agrogandeiras acordada polo Concello de Silleda no ano 2016. A ordenanza, -que entrou en vigor o pasado ano logo da pertinente modificación- establece que a bonificación se realizará con carácter rogado, o que supón que os
Dende o pasado 1 de xaneiro, día en que se abriu o prazo de solicitude, lévanse xa rexistradas a día de hoxe 90 peticións.
Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir ao Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para solicitar a correspondente bonificación do 95% no recibo do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).
Dende o goberno municipal lémbrase que os que se acolleron o pasado ano a esta medida teñen que volver a solicitalo, tal e como establece a normativa, que se aprobou inicialmente en Pleno a proposta do goberno municipal en maio do ano 2016. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este descontó.
Coa modificación da normativa municipal recolleuse a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.
Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marcaba como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.
A consecuencia disto, as instalacións agrarias pasaron a tributar polo Imposto de Bens e Inmobles.
Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se viu afectado pola revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando nos últimos anos”, engade.
O pasado ano este desconto aplicouse a un total de 280 explotacións do municipio que así o solicitaron.