Silleda, 18 de xuño de 2014. O campamento de aventura de inglés na Ribeira Sacra amplía o prazo de inscrición ata o vindeiro día 4 de xullo. A cita, programada dende a Concellería de Educación, que dirixe Pili Peón, está dirixida a nenos/as e mozos/as de entre 8 e 17 anos, co inglés como fío conductor. A aventura en plena natureza toma o relevo á praia e as actividades de surf, e nesta ocasión o escenario será a localidade lucense de Quiroga, na Ribeira Sacra. Deporte, lecer, inglés e natureza misturanse nesta nova proposta con quendas reducidas.
Os interesados en anotarse deben de formalizar a inscrición na Casa da Cultura. As actividades para o grupo de Silleda terían lugar entre o 27 de xullo e o 3 de agosto. O prezo é de 255 euros por praza, incluíndo aloxamento en réxime de pensión completa no albergue de Quiroga, actividades e materiais, desprazamento en autobús ata a localidade lucense (ida e volta), e viaxe en catamarán e excursión pola Ribeira Sacra.
Modalidades deportivas coma o kaiak, paddelboard, BTT, Xeocaching, rápel, ou sendeirismo conxugaranse con actividades de tempo libre (piscina, praia fluvial, excursións, aqua jump…) e outras específicas apara a aprendizaxe do inglés sempre a partir dunha dinámica lúdica (lip-dub, xogos, coloquios en inglés con convidados…), e desterrando a idea de que aprender outro idioma é aburrido.