Silleda, 9 de xaneiro de 2019. O prazo para solicitar a bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobiles (IBI) para as explotacións agrogandeiras acordada polo Concello de Silleda está xa aberto. A modificación da ordenanza que regula esta bonificación aprobouse en pleno en maio de 2016, entrando en vigor a medida en xaneiro de 2017. A normativa establecese que esta medida debe aplicarse con carácter rogado, o que significa que os propietarios deben de solicitar esta bonificación. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de marzo. Nos tres últimos anos tramitáronse preto de 300 solicitudes por anualidade.
Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para solicitar a correspondente bonificación. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este desconto. No caso daqueles veciños que xa solicitaron no ano anterior a bonificación, terán que acreditar só que continúan coa actividade agraria.
Coa modificación da normativa municipal recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego. No caso das explotacións que compartan a referencia catastral con vivendas a bonificación será do 50%.
Unha medida pioneira
Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.
A consecuencia disto, as instalacións agrarias pasaron a incluirse no ano 2016 no Imposto de Bens e Inmobles, pasando a pagar a cota correspondente.
Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. Silleda convertiuse no primeiro municipio de Galicia en aplicar esta medida.
Nos vindeiros días dende o Concello colocaránse bandos informativos en todas as parroquias para avisar aos potenciais beneficiarios deste prazo. A ordenanza establece que a medida é de carácter rogativo, polo que debe de solicitarse por parte dos propietarios con cada anualidade.