O prazo para solicitar as subvencións municipais para actividades culturais, deportivas e veciñais de 2019 remata o vindeiro 22 de marzo

Silleda, 21  de febreiro de 2019.  O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe as bases reguladoras das subvencións municipais de Silleda a entidades culturais,  deportivas e as destinadas a participación social e /ou veciñal, para o presente exercicio.

As bases foron aprobadas no pleno do pasado 31 de xaneiro e as entidades xa poden dende mañá venres presentar as súas peticións no Rexistro Municipal. O prazo rematará nos tres casos o vindeiro 22 e marzo. As axudas municipais deberán de xustificarse como data límite o 15 de novembro. “As bases están dispoñibles tamén na páxina web municipal, xunto cos formularios que deben de acompañar a solicitude. En total repartirase entre as tres liñas de subvención 98.100 euros, unha cantidade similar ao do pasado ano e que supuxo un incremento de máis dun 30% respecto á anualidade de 2017.

As bases son similares ás do ano anterior, agas na convocatoria de axudas a clubs e entidades deportivas, no que se modifica a puntuación nun tramo novo para valorar a promoción do deporte feminino e se aumenta a valoración en 5 puntos do apoio ao deporte base.

 

En canto ás axudas para a realización de actividades de mantemento de asociacións culturais e realización de actividades culturais, a partida correspondente é de 58.000 euros. Poderán concorrer as asociacións culturais que estén inscritas no  Rexistro Municipal de Asociacións para financiar gastos de actividades ao longo do presente ano.

Entre os criterios a ter en conta figuran os relacionados coas asociacións (número de socios, antigüidade, continuidade da traxectoria dende a súa creación); coas actividades (interese cultural, numero de actividades realizadas ao longo do ano, fomento da cultura no colectivo infantil…)

Terán tamén ao igual que nos últimos anos consideración especial os colectivos ou asociacións  que precisen de directores especializados para desenvolver as súas actividades.

No caso das deportivas, a contía é de 35.000 euros.  Neste caso valorarase o fomento do deporte base, o mantemento das instalacións deportivas, o número de participantes directos ou indirectos nas actividades, o interese xeral da actividade, e o número de deportistas federados, así coma o deporte feminino.

A terceira das liñas, a de subvencións para a realización de actividades de promoción da Participación Social e/ou Veciñal tamén está destinada ás asociacións inscritas no rexistro municipal. Teránse en conta criterios como a antigüidade da asociación veciñal, o interese xeral da actividade ou o fomento da participación.

Xustificación, ata novembro

Nos tres casos, o prazo para xustificar debidamente as axudas concedidas (presentando en cada caso a documentación requerida) remata o vindeiro 15 de novembro, se ben as entidades que así o estimen poderán solicitar unha prórroga que se aceptará se está debidamente xustificada.

. “Sempre mantivemos que iríamos aumentando as axudas a colectivos, asociacións e outras entidades, xa que a súa actividade é clave na dinamización do noso municipio, onde contamos por fortuna cun tecido asociativo moi valioso e que realiza numerosas actividades”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que dende hai 2 anos a boa situación económica das arcas municipais permitiu afrontar este incremento nas axudas.

Tamén destaca que un ano máis a convocatoria volve realizarse a principios da anualidade a fin de dar máis facilidades ás entidades solicitantes.

Dende o Concello de Silleda, ao igual que se vén facendo nos últimos anos, difundiranse as tres convocatorias entre o amplo tecido asociativo co que conta o municipio silledense.

BASES PARTICIPACION SOCIAL-VECIÑAL

BASES SUBVENCIÓNS ACTIVIDADES CULTURAIS

BASES SUBVENCIÓNS ENTIDADES DEPORTIVAS

ANEXOS AXUDAS CULTURAIS EN WORD

ANEXOS AXUDAS DEPORTIVAS EN WORD

ANEXOS AXUDAS VECIÑAIS EN WORD