Silleda, 4 de marzo de 2020. O vindeiro xoves día 12 será o último día para solicitar as subvencións a actividades culturais, veciñais e/ou de participación social e as deportivas, que outorga o Concello de Silleda. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou o pasado 11 de febreiro as bases reguladoras das tres liñas de subvencións municipais, que foran aprobadas previamente no Pleno do 30 de xaneiro. En total repartirase entre as tres liñas de subvención algo máis de 98.000 euros.
Toda a documentación e os formularios están a disposición das entidades no Concello, o rexistro e tamén na web municipal. O Concello ten un prazo de seis meses, unha vez presentadas as solicitudes, para resolver o expediente.
Unha vez aprobado en xunta de goberno as contías das axudas, as entidades e asociacións teñen de prazo ata o 15 de novembro deste ano para xustificar as subvencións, en réxime de concorrencia competititva.
Dende o Concello de Silleda, ao igual que se vén facendo nos últimos anos, difundíronse xa ao día seguinte da súa publicación as tres convocatorias entre o amplo tecido asociativo co que conta o municipio silledense.