– Ademais da proxección deste traballo audiovisual, a Casa da Cultura acolle o próximo venres actuacións musicais a cargo de mozas e mozos silledenses
Silleda, 7 de marzo de 2016. Silleda celebrará o Día Internacional da Muller Traballadora o vindeiro venres, cun acto institucional no que o eixo principal será o programa Creadoras, promovido dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda.
O acto celebrarse na Casa da Cultura e comezará ás 20:30 horas coa actuación de María Eugenia Gil, María Lorenzo, Raúl Barrial, Luisa Blanco, Nerea Villamayor, e Marcos Varela, membros do grupo de oboes e fagots da Escola de Música de Silleda, que interpretarán tres categorías da composición “Divertimento” do compositor checo Johann Baptist Vanhal.
Ás 20:50 está prevista a lectura do manifesto pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Pili Peón, que dará paso á proxección de Creadoras.
Esta serie audiovisual que se retoma este ano, ten como finalidade a difusión do traballo e a opinión de distintas veciñas do municipio, transmitindo tamén a cultura do pobo de Trasdeza. A restauradora Consuelo Sánchez Diéguez, a gandeira María Canda Fernández, a biotecnóloga María Rita García García, e as irmáns María, Lorena e Belén Rivas Torres, propietarias dunha asesoría, amosan neste traballo as súas formas de creación, de traballo, ou a súa opinión sobre a igualdade de xénero, aventura emprendedora, a violencia contra as mulleres…
O acto pecharase co pase de fotografías da viaxe organizada polo CIM o pasado ano e que, co fin de favorecer e potenciar a presenza e participación das mulleres de Silleda en tódolos ámbitos da vida cultural do municipio, facilitándolles a posibilidade de vivir e coñecer a historia e o patrimonio cultural de outros países e rexións, levou a París o pasado mes de novembro a 55 veciñas do municipio.
“Con este acto Silleda volve render homenaxe á muller no 8-M, personificando nas protagonistas da serie Creadoras o seu traballo diario e a súa loita pola igualdade de oportunidades”, sinala a concelleira Pili Peón.