O programa de intervención integral do Alzheimer comeza en xaneiro co curso para familias coidadoras

-Este primeiro bloque contará con catro sesión en xaneiro e febrero. As persoas interesadas  poden informarse no departamento de Benestar Social. Os obradoiros de estimulación para persoas enfermas desenvolveránse de marzo a decembro.

-O Centro de Información e Asesoramento estará aberto o primeiro mércores de cada mes dende o día 2 de marzo, en hroario de 11.00 a 14.00 horas

Silleda, 29 de decembro de 2015. O programa de Intervención Integral a Persoas con Alzhéimer e familias coidadoras que desenvolve o Concello de Silleda a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (AFAPO) comezará xa o vindeiro mes de xaneiro. O programa, iniciado con éxito este ano, amplíase coa creación do Centro de Información e Asesoramento e cun orzamento que se quintuplica, pasando de 4.000 a 18.000 euros, ao eliminarse o copago do usuarios.

O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar Social, Pili Peón, desprazáronse hoxe a Pontevedra á sede de AFAPO para asinar co presidente da entidade, José Manuel Fontenla o convenio polo que se poñerá en marcha esta iniciativa, “unha clara aposta deste goberno polas políticas sociais”, engade o rexedor.

O programa comezará co curso destinado a familias coidadoras. Desenvolverase os días 21 e 28 de xaneiro e o 4 e 11 de febrero, en horario de 17.00 a 19.00 horas.  Hai 25 prazas e as persoas interesadas en participar poden informarse e inscribirse no departamento de Benestar Social (986 592037).

Valoración dos usuarios no mes de febrero e talleres de marzo a decembro

A seguinte actuación será a valoración dos usuarios que se inscriban nos obradoiros de estimulación cognitiva. Personal especializado de Afapo valorará ás persoas que se anoten para participar nos obradoiros dos días 24 e 25 de febrero.

Estes obradoiros celebraránse todos os martes e xoves, dende o 1 de marzo e ata mediados de decembro, agás no mes de agosto. O horario será de 10.30 a 12.30.

“As familias xa poden informarse e anotarse tanto para o curso de coidadores como para os obradoiros dirixidos ás persoas con Alzhéimer e outras demencias”, explica a concelleira de Benestar.

Tanto o curso para as familias coma os obradoiros volverán a realizarse a igual que neste último ano nas dependencias da Casa da Xuventude.

 

Centro de Información e Asesoramento, no Centro Social

A aposta do Concello de Silleda por este programa de intervención sobre o Alzhéimer tamén queda patente coa creación do Centro de Información e Asesoramento que estará a disposición das persoas interesadas dende o día 2 de marzo, atendido por persoal especializado de AFAPO unha vez ao mes.

O Centro situarase nas dependencias de Benestar Social, no Centro Social de Silleda, e estará aberto ao público cada primeiro mércores de mes ata decembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas.

“Estarán a disposición do público para resolver calquera cuestión relacionada con trámites administrativos, xurídicos, ou sociais relacionadas con esta enfermidade”, sinala a concelleira de Benestar Social.

Dos 4.000 euros aportados polas arcas municipais neste ano 2015, o orzamento na loita contra o Alzhéimer, pasará case a quintuplicarse, cunha inversión de 18.835 euros.

Esta aportación municipal supón eliminar o copago dos usuarios, que ata agora asumían unha parte do custe dos obradoiros, unha das actividades do programa. “Queremos facer a nosa aportación na eliminación dun copago inxusto, que aínda se mantén noutros ámbitos da atención sanitaria, cun esforzo económico que estamos seguros merece a pena”, indica o alcalde explicando que o Concello asumirá todos os gastos derivados deste programa.

Obxectivos

Dende AFAPO explícase que entre os obxectivos deste programa de intervención integral figuran axudar ás familias a comprender a importancia no coidado dos enfermos e previr situaciónns de desgaste físico e/ou emocional, que poidan derivar en estrés crónico, e tamén ralentizar na medida do posible o deterioro cognitivo, pérdida de memoria, de mobilidade e función motoras que presentas as persoas con demencias.

A mellora da calidade de vida , tanto das familias como dos enfermos é o reto específico desta actuación.