Silleda, 26 de febreiro de 2013. O programa Fala Redes, de Dinamización Lingüística, volta ao municipio de Silleda cunha proposta musical para os máis novos da casa. Pablo Díaz e a súa banda presentarán no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira o espectáculo TOC TOC, un concerto que se convertirá nunha auténtica festa.
Esta actividade, organizada pola Concellería de Cultura e Normalización Lingüística xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, está destinada a nenos e nenas de 3 a 10 anos. A cita será ás 19.30 horas no auditorio da Bandeira, con entrada de balde.
Logo de revolucionar o público infantil coa xira TIC TAC, Pablo Díaz volve sorprender con este novo musical, baseado no libro disco TOC TOC, un canto á amizade, á alegría, e que inculca aos máis cativos valores coma o ecoloxismo, ou a paz utilizando a lingua galega. A música actúa así como fonte de transmisión do galego nesta terceira edición do programa Fala Redes, que recala de novo en Silleda, onde terá lugar a única actuación de Pablo Díaz na comarca de Deza e Tabeirós-Montes a través deste programa.
“É unha gran oportunidade para disfrutar en familia desta proposta musical que vén refrendada por un gran éxito de público e que segue a estela de formacións como Mamá Cabra”, apunta a concelleira de Cultura de Silleda.
O álbum conta con 17 temas de nova creación, agas dous que proceden da tradición como son “O piollo e a pulga” e “Mazarico”.