Silleda, 26 de febreiro de 2020. O programa municipal Silleda Solidaria activa unha campaña especial para o abastecemento –sobre todo de alimentos frescos e perecedeiros- ante a comunicación da Fundación Amigos de Galicia de que por problemas internos deixará de participar no reparto de alimentos.
A día de hoxe, dende este programa estanse a repartir alimentos a un total de 31 familias. Dende o banco de alimentos de Silleda Solidaria, co que xa veñen colaborando na recollida supermercados, establecementos e empresas do municipio, xa se está a subministrar alimentos non perecedeiros, pero as circunstancias alleas ao departamento municipal de Benestar fan que se active –mentres non se poida artellar outro sistema de reparto-esta campaña especial.
Precísanse sobre todo alimentos frescos, como fruta, iogures, ou leite, aceite, conservas, galletas … e agradécese de antemán a todas as persoas a súa colaboración.
Dende o Concello de Silleda, que viña atendendo de xeito integral a estas 31 familias a través dun convenio coa citada entidade, estanse xa a buscar outras alternativas para complementar a atención necesaria.
O programa Silleda Solidaria púxose en marcha no ano 2012 con varias liñas de actuación, entre elas o banco de alimentos e o roupeiro municipal.