Silleda, 29 de setembro de 2017. A Concellería de Benestar Social, a través do Club do Centro Social dos Maiores, vén de programar novas actividades que darán comezo o vindeiro mes de outubro. O programa Silleda Activa, posto en marcha polo goberno municipal no ano 2012 para o colectivo de maiores, contará este ano na súa oferta con destacadas novidades. Nesta iniciativa colabora tamén a Deputación de Pontevedra.
Así na oferta figuran ademais dos xa clásicos obradoiros para familiarizar aos maiores coas novas tecnoloxías ou traballos de creación artística ou de práctica de exercicio físico, outras novas coma a Musicoterapia xerontolóxica.
Esta actividade, con múltiples beneficios a nivel cognitivo e conductual, impartirase os luns e mércores de 10:00 a 11:00 no Centro Social de Maiores, de xeito totalmente gratuito.
“Trátase dunha actividade beneficiosa para a nosa veciñanza e agardamos que siga a estela doutras actividades de Silleda Activa que cada ano veñen sendo un éxito”, explica a concelleira Pilar Peón.
“Ao igual que en anos anteriores queremos ofertar aos nosos maiores propostas variadas que lles axuden a manterse activos tanto no aspecto físico como emocional, case todas sen custes para os usuarios”, explica a concelleira Pili Peón.
Ademais de musicoterapia, ofértase de xeito gratuito o obradoiro Divírtome co móbil (que terá lugar os luns na Casa da Xuventude de Silleda de 11.30 a 12.30 e os mércores no Centro Social da Bandeira, de 11.30 a 12.30) e o denominado Acendo o ordenador, para familiarizar aos maiores coa informática e Internet (os xoves de 11.00 a 12.00 na Casa da Cultura de Silleda).
O obradoiro de memoria tamén figura na axenda para os vindeiros meses, e celebrarase os martes de 11:30 a 12:30 na Casa da Xuventude de Silleda e os venres de 11:30 a 12:30 no Centro Social da Bandeira.
No caso de actividades artísticas, a oferta inclue dúas actividades máis. Na Casa da Xuventude haberá o ciclo de manualidades Traballo coas mans, os mércores de 16:00 a 17:00 horas. E a partir de xaneiro, na Casa da Cultura impartirase un ciclo de pintura, tamén os mércores de 11:15 a 12:15. Estas dúas actividades son gratuitas pero non inclúen o material.
Por último, nos vindeiros días dará comezo o curso ximnasia terapéutica, todos os martes e xoves de 10.15 a 11.30 no Centro Social dos Maiores de Silleda.