-As inscricións poden formalizarse dende o vindeiro martes 19 no Centro Social de Silleda o chamando ao 986592037. Ademais de actividades de mantemento físico, tamén se ofertan clases de musicoterapia e para aprender a usar o móbil
Silleda, 15 de setembro de 2023. O programa Silleda Activa, posto en marcha dende o departamento municipal de Benestar Social para as persoas maiores de 65 anos ou pensionistas, volta a partir de outubro.
Así ofértanse un total de 6 actividades, tanto para o fortalecemento físico como para manter a mente activa, co obxectivo de fomentar un estilo de vida máis saudable e activo.
Ademais de ximnasia de mantemento, con sesións que se celebrarán os martes e xoves de 10:15 a 11:00 horas no Centro Social de Silleda (20 euros ao mes); e Musicoterapia Xerontolóxica (22 euros mensuais), con sesións os luns e mércores en Silleda e os martes e xoves na Bandeira; tamén se oferta Pilates os venres en Silleda ás 10:15 (18 euros ao mes). Asimesmo, un día á semana (aínda falta por confirmar o día) haberá bailes de salón cun custo de 15 euros mensuais por persoa.
En canto aos obradoiros de carácter cognitivo, o programa Silleda Activa volverá a desenvolver a actividade “Divírtome co móbil”, todos os martes de 11:15 a 12:15 no Centro Social de Silleda e de 12:30 a 13:30 horas no Centro Social dos Maiores da Bandeira (20 euros ao mes).
A programación de actividades queda completa con Actívate!, os venres de 11:15 a 12:15 en Silleda e de 12:30 a 13:30 na Bandeira (20 euros ao mes).
Todas as persoas que queiran participar deben inscribirse no Centro Social de Silleda, onde se atopan as dependencias de Benestar Social, a partir do vindeiro martes día 19 ou ben chamar ao 986592037.
Contémplase que todas estas actividades empecen no mes de outubro, sempre e cando se cubran as prazas mínimas en cada unha.