– A expedición, organizada polo departamento municipal de Benestar, será do 2 ao 6 de xuño, visitando localidades como Badaxoz, Cáceres, Mérida, Zafra ou Almendralejo cunha ampla oferta de actividades de ocio e culturais para coñecer estes destinos. O prazo de inscrición ábrese este mércores día 24 e remata o vindeiro 3 de maio
Silleda. 22 de abril de 2024. O departamento municipal de Benestar do Concello de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, programa unha nova excursión a través do programa Silleda Activa, que terá lugar do 2 ao 6 de xuño próximos. Durante 5 días, a expedición percorrerá distintas localidades de Extremadura, con diversas actividades de carácter cultural e de ocio.
O domingo día 2, a viaxe cara a Badaxoz, inclúe unha parada en Zamora, con visita a cidade despois do xantar. O luns, dende Badaxoz, comeza o percorrido por Extremadura con visita a Cáceres (con guía oficial). Na capital da Alta Extremadura, nomeada pola UNESCO como Cidade Patrimonio da Humanidade, está considerada como unha xoia histórica, co seu barrio antigo, murallas e igrexas medievais que conviven con palacios renacentistas.
O martes día 4, o grupo visitará as localidades de Mérida, unha das cidades máis importantes do Imperio Romano; Zafra, tamén cun amplo conxunto histórico-artístico (onde está prevista unha visita a unha fábrica de xamóns con degustación incluída); e Almendralejo, considerada a capital do romanticismo español, por ser o berce de ilustres escritores. Nesta localidade tamén se visitará unha das dúas afamadas bodegas. Nos tres casos a viaxe inclúe guía oficial.
Na xornada do día 5 o grupo coñecerá, tamén con acompañamento de guía, a cidade de Badaxoz, con tarde libre para disfrutar da capital da Baixa Extremadura; e xa na xornada do día 6 o grupo emprenderá a viaxe de volta a Silleda con paradas en localidades como Hervás, cunha xudería declarada como Conxunto Histórico-Artístico.
Prazo de inscrición e prezo
O prezo da excursión é de 620 euros por persoa, incluído autocar durante todo o percorrido, 4 noites en hotel de 4 estrelas no centro de Cáceres, estancia en réxime de pensión completa, guía acompañante durante todo o percorrido e guías oficiais nas visitas, así como as entradas ao conxunto do Circo e Teatro Romano de Mérida, as visitas e degustacións e seguro de viaxe.
As persoas que desexen participar poden inscribirse dende este mércores día 24 e ata o 3 de maio nas dependencias da Casa do Concello. Para máis información tamén se pode chamar ao 986 59 20 37.