Silleda, 25 de decembro de 2015. O programa municipal Silleda Emprega conta a día de hoxe cun total de 649 persoas inscritas residentes no municipio. Dende a súa creación, en xullo do ano 2011, esta bolsa de emprego municipal foi medrando, tanto no número de persoas inscritas como na de actividades e actuacións realizadas.
A celebración de cursos, ou a información detallada aos demandantes de emprego marcaron estas actividades, moitas delas baixo a perspectiva da formación. “Dende os seus inicios o programa Silleda Emprega tivo na formación un dos eixos básicos, xa que cremos que a cualificación e a ampliación de coñecementos é moi importante á hora de buscar emprego”, apunta a concelleira de Emprego, Ana Luisa González.
En canto ás categorías nas que se inscriben os demandantes de emprego, encabeza o listado o sector da construcción , un dos máis castigados pola crise, con algo máis de 100 persoas que buscan traballo como albaneis, peóns, encofradores… , e que supoñen algo máis do 16% das persoas inscristas.
Séguelle por número de rexistrados o sector de xardinería, forestal, e gandeiría, con 71 inscritos; e o de transporte, con demandantes anotados como repartidores/condutores.
O coidado das persoas maiores e/ou dependentes tamén é unha das actividades que destacan polo número de inscritos, con case un 8% dos rexistros.
96 baixas en 2015, a maioría por atopar traballo
Segundo os datos rexistrados polo programa municipal, ao longo deste ano 2015 a bolsa rexistrou un total de 96 baixas, das que un 80% (77 persoas) foron por atopar traballo, e outros por cambio de residencia.
O dato supera ao do ano anterior xa que en 2014 o número de baixas da bolsa municipal de emprego foi de 55, das que tamén a maioría chegaron por atopar traballo os demandantes.
O programa Silleda Emprega naceu no ano 2011 cun programa no que o Concello actúa como mediador entre a oferta e demanda de emprego. Púxose en marcha á vista da situación socieconómica, agravada co aumento do desemprego. No seu primeiro ano de funcionamento movilizáronse 290 currículums, e rexistráronse 508 persoas. Preto de 30 empresas recurriron ao Silleda Emprega en busca de persoal no seu primeiro ano de vida. Nesta bolsa de contratación os/as demandantes de emprego poden deixar os seus currículums e ao mesmo tempo as empresas locais buscar persoal con perfís adaptados ás suas necesidades.
Actualización e renovación de datos
Dende a Concellería de Emprego de Silleda, Ana Luisa González Costa, anima ás persoas inscritas a “renovar periódicamente os datos actualizando os seus currículums con cursos de formación e outras actividades, porque estar en situación de desemprego non significa estar parado”, engade.
Novos contactos en xaneiro
Por outra banda, a concelleira explica que o vindeiro mes de xaneiro está prevista a celebración de reunións con varias entidades para ampliar o radio de acción do programa municipal. Ademais dun encontro co portal Galejobs, tamén se prevén reunión con entidades de búsqueda de emprego da comarca.