Silleda, 27 de xullo de 2013. O programa municipal Silleda Emprega vén de cumprir o seu segundo ano de vida, superando os 500 inscritos. A día de hoxe, a bolsa municipal de emprego conta con 509 persoas anotadas, a grande maioría veciños e veciñas do municipio de Silleda. Deles, máis da metade son mulleres (un total de 276 persoas, o que supón, o 54,22%). Os homes, un total de 233, supoñen un 45,78% dos inscritos.
Logo da súa posta en marcha a finais de xullo de 2011, a través do programa Silleda Emprega movilizaronse un total de 363 currículums, unha cifra destacada que da conta do éxito desta iniciativa posta en marcha polo goberno municipal, que tamén creou por vez primeira a Concellería de Emprego en Silleda.
“O desemprego segue a ser dous anos despois unha das grandes preocupacións dos nosos veciños e veciñas, pola situación económica xeralizada que seguimos a vivir. Por iso a promoción do emprego segue e seguirá sendo unha das principais liñas de traballo deste goberno”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña Fernández.
Dos datos rexistrados no programa Silleda emprega, tamén se desprende que houbo 221 baixas, na maioría dos casos de persoas que atoparon traballo, e outras 142 que participaron en distintas iniciativas de formación, outra das liñas de actuación desta iniciativa municipal.
Así mesmo, máis de 30 empresas de sectores coma a
hostalería, industria, servicios, agricultura ou alimentación, entre outra interesáronse pola oferta do programa municipal.
“A todos nos gustaría que os resultados fosen moito mellores, pero á vista dos datos manexados nestes dous anos, pese a non ter competencias a Administración Local nesta materia, consideramos que se está a realizar un bo traballo con esta bolsa, na que o Concello fai de intermediario”, sinala Cuíña.
Así mesmo, o Concello utiliza a bolsa municipal para cursos promovidos dende a Administración Local, postos de traballo puntuais ou para outros programas. Así aconteceu en iniciativas coma o Plan Aurora, dirixido ao colectivo de mulleres, cursos de formación ou contratos de substitución.
Ademais de empresas, tamén recurriron á bolsa de emprego particulares e empresas de traballo temporal.
“A premisa segue sendo a de non funcionar como meros receptores de currículums, senon tratar de que ademais de poñer en contacto ás empresas ou particulares cas persoas demandantes de emprego, se opte por vías coma a da formación, tan importante en tempos de crise”, engade o alcalde silledense.