Silleda, 3 de xaneiro de 2018 O programa municipal Silleda Solidaria quere agradecer as aportacións realizadas nas últimas semanas por distintas empresas e entidades. Así, ademais da recadación que se levou a cabo en distintas actividades municipais dentro da programación de Nadal, nestas datas tamén se recibiron doazóns do Restaurante O Camiño, que mercou alimentos cos cartos dun bingo solidario; do Hotel Vía Argentum, que aportou distintos subministros ao banco de alimentos, da Escola de Fútbol de Silleda, que recolleu ademais de doazóns económicas alimentos e xoguetes no Torneo Solidario de Fútbol Biberón; e da S.D Bandeira, que tamén recolleu xoguetes e doazons económicas no seu torneo celebrado o pasado sábado.
“Dende o programa municipal Silleda Solidaria queremos agradecer a participación de todos eles e das persoas que coa súa solidaridade participaron nestes actos. Coa súa axuda todos continuarán contribuindo á manutención das familias usuarias do banco de alimentos e a manter a ilusión nestas datas con agasallos” , indica a concelleira de Benestar Social, Pilar Peón, que agradece do mesmo xeito todas as aportacións que se están a recibir dende a posta en marcha do programa ao longo de todo o ano.