Silleda, 2 de xaneiro de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de iniciar o reparto da campaña Un neno, un xoguete, para agasallar aos nenos e nenas das familias con menos recursos na xornada de Reis.
O reparto levarase a cabo entre máis de 30 familias do municipio de Silleda, que suman un total de 60 nenos e nenas.
Dende o programa Silleda Solidaria, que xestionan os Servizos Sociais do Concello agradécese a colaboración de todas as persoas e entidades que colaboraron con esta iniciativa durante as últimas semanas. Ademais das achegas dos particulares, tamén se recolleron xoguetes en citas coma o Triangular de Biberón de fútbol, organizado polo Concello ou o torneo da S.D Silleda. Tamén se mercaron agasallos para estes nenos e nenas con fondos recadados nos concertos e actividades do Nadal Solidario.
Esta programación rematará o vindeiro sábado co Concerto Solidario de Ano Novo en Bandeira, que se organiza en colaboración con Unicef, para recoller fondos cos que axudar aos damnificados polo tifón que asolou Filipinas.
Así mesmo, tamén se destaca o éxito da recollida para o Banco de Alimentos, que continúa de xeito permamente tamén coa agradecida colaboración dos supermercados de Silleda e Bandeira, e asociacións que están a realizar doazóns de produtos.