Silleda, 15 de novembro de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, que dirixe Dolores García, reactivará a partir da vindeira semana a recollida de alimentos nos supermercados de Silleda e A Bandeira
Os produtos, que pasarán ao Banco de Alimentos do programa municipal, deben ser non percededoiros (legumes, aceite, azucre, conservas…) . O Banco de Alimentos conta a día de hoxe con poucos índices de provisións, polo que dende Silleda Solidaria se apela á colabroación cidadá con esta campaña, tamén de cara ás vindeiras datas de Nadal. Dende o Banco de Alimentos estase a atender a preto de 50 familias do municipio silledense con escasos recursos.
Dolores García agradece a colaboración dos establecementos que colaboran co Banco de Alimentos, así como os numerosos xestos solidarios de veciños, veciñas e tamén empresas, asociacións e outras entidades “que están a facer máis levadeiro o día a día das familias que o precisan nestes tempos difíciles”, engade.