Silleda, 3 de setembro de 2019. O programa Tecendo Lazos, posto en marcha polo departamento de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra volta a Silleda o vindeiro mes cun obradoiro de xoguetes antigos e actuais. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa de carácter interxeneracional poden inscribirse dende máná mércores día 4 e ata o 24 deste mes no Rexistro Municipal, así como recibir máis información a través do teléfono 986 580000.
Esta citas celebraránse os sábados dende o 19 de outubro ao 23 de novembro, en horario de 10:30 a 13:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda. Para participar é preciso incribirse. Poderán participar persoas adultas e nenos e nenas dende os 6 anos.
Tecendo Lazos ten por finalidade desenvolver obradoiros interxeracionais no ámbito do lecer e do tempo libre a través dos cales se pretenden poñer en marcha estratexias, oportunidades e formas de creación de espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio recíproco, intencionado, comprometido e voluntario de recursos, aprendizaxes, ideas e valores encamiñados a producir entre as distintas xeracións lazos afectivos, cambios e beneficios individuais, familiares e comunitarios, entre outros, que permitan a construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias.
A concelleira de Benestar Social e de Educación, Ángela Troitiño, anima aos veciños e veciñas a participar nesta iniciativa.