Silleda, 29 de novembro de 2014. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza vén de comunicar ao Concello de Silleda a aprobación do 100% da axuda solicitada a través da orde para concellos incluidos na Rede Natura 2000, á que se presentou o proxecto denominado Agua e Pedra.
Esta acuación ten por obxectivo a mellora do entorno do mosteiro de Carboeiro e da Fervenza do Toxa, os dous enclaves turísticos por excelencia do municipio silledense, catalogados ademais como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) no Sistema Fluvial Ulla-Deza. Baixo o título Auga e Pedra, o proxecto recolle a mellora de camiños para adecuación do uso público nas contornas do mosteiro e a fervenza, os dous grandes emblemas paisaxísticos e turísticos de Trasdeza.
“A grande afluenza de visitantes fai que debamos apostar pola conservación e mantemento en condicións axeitadas destes dous lugares, nos que ademais do paso do tempo, tamén están a facer mella nos últimos temos fenómenos naturais e mesmo actos vandálicos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña, que lembra ante as críticas dos últimos meses que “dende o Concello se viña traballando nesta actuación, que agora por fin poderemos poñer en marcha”, di destacando ademais que a actuación solicitada acadou a financiación total proposta.
Á vista do incipiente deterioro destes entornos e da conxuntura actual, dende o Concello de Silleda preparouse, como xa se anunciou hai varios meses este actuación para obter un máximo rendemento dos recursos dispoñibles e tamén para subsanar en todo o posible as deficiencias en canto a mantemento e tamén seguridade.
Con Auga e Pedra búscase potenciar actividades que , sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio no municipio, ademais de preservar ecosistemas de gran valor.
Na memoria descriptiva recóllense algúns factores relevantes na zona como a existencia de coutos de pesca, a relevancia histórica do mosteiro de Carboeiro, que data do século XII e que no ano 1931 foi declarado Ben de Interese Cultural, enclaves como a ponte do Demo a presenza de aguas sulfurosas … e o feito de que unhas 15.000 persoas visiten cada ano esta zona, con importante presenza do turismo rural.
Agora levaranse a cabo actuacións para a mellora da paisaxe e o desenvolvemento de usos recreativos, con un orzamento estimado de 23.900 euros. Entre as actuacións figuran tarefas de limpeza e desbroce dos camiños de acceso ás zonas da Senda do Deza, que une o mosteiro e a Fervenza do Toxa; a reparación de valados de madeira como medidas de seguridade nos camiños existentes, que están moi deteriorados; ou a dotación de sinalización para acceder a estos lugares dende as estradas comarcais. Tamén se acondicionarán e sinalizarán os miradoiros da fervenza e o camiño de baixada dende esta.
Logo das actuacións de mellora, dende o Concello de Silleda, onde o proxecto se coordinou dende os departamentos de Medio Ambiente, que dirixe Luis Rodríguez, e de Turismo, con Margarita Campos ao fronte, buscarase a posta en valor con outras iniciativas.
Unha das actuacións previstas pasa pola creación de unha senda botánica xunto á Abadía de Carboeiro, na que se instalarían paneis e placas informativas sobre a diversidade da flora no entorno, en tres idiomas.
Dende o Concello tamén se advirte que a sinalización dende puntos como Silleda, Riocalvo ou Bandeira é unha das asignaturas pendentes das Administracións supramunicipais, que tamén deberían de terse implicado na sinalización dende os accesos principais, en vías autonómicas ou estatais.
“Coa mellora destes dous entornos continuaremos coa posta en valor do noso patrimonio, con un proxecto moi agardado e que obtivo unha grande aceptación”, apunta o alcalde.