Silleda, 14 de febreiro de 2018. O vindeiro mes de marzo quedará xa listo o proxecto de sinalización do patrimonio arqueolóxico nas parroquias da zona sur do municipio. Hoxe mesmo tivo lugar unha reunión cos propietarios das fincas onde se ubican os petroglifos de Pena Longa, Pena das Cazolas e Chao de Petos (en Cortegada, Laro e Oleiros, respectivamente). Os asistentes coñeceron polo miudo o proxecto de sinalización promovido polo Concello de Silleda e realizado polo arqueólogo Israel Picón.
Os propietarios que asistiron ao encontro (tan só faltou un) asinaron a autorización correspondente para a instalación dos paneis e amosaron o seu acordo coa iniciativa para a posta en valor destes elementos patrimoniais.
A concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González, xunto con técnicos do departamento e o arqueólogo autor do proxecto explicaron aos propietarios o proxecto, que financiará a totalidade do proxecto cunha subvención de 9.250 euros.
A iniciativa consiste na instalación de paneis informativos sobre o patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal centrados nos xacementos e zonas arqueolóxicas das parroquias mais meridionais do concello de Silleda presididas pola Serra do Candán.
Nesta zona atópanse máis de medio centenar de xacementos arqueolóxicos de diferente tipoloxía:poboados da idade do Ferro, petróglifos prehistóricos e históricos, enterramentos neolíticos….
De xeito xeral a sinaléctica estará redactada en tres idiomas, galego (principal), castelán e inglés. Ademais da instalación de paneis tamén está previsto colocar sinais turísticas direcciónais de estradas. Nos paneis figurará información gráfica (fotografías, mapas explicativos…).
Roteiros e visitas de centros educativos
Una vez rematada a instalación está prevista a recuperación do roteiro nocturno que puxo en marcha a Asocación de Veciños San Miguel de Oleiros e outras visitas con escolares da contorna, para que os “nenos coñezan o amplo patrimonio arqueolóxico de Silleda, xa que é tan importante que nos visiten os de fora coma que os nosos veciños coñezan e aprecien o que temos aquí”, sinala Ana Luisa González.