A actuación, a través de Cultura no Camiño, terá lugar o domingo das festas na praza da Igrexa de Silleda ás 18:00 horas
Silleda acollerá o vindeiro domingo día 7, no marco das Festas de Verán da vila a actuación de Pakolas, co espectáculo de rock infantil e familiar que leva por titulo “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”. A cita será na praza da Igrexa ás 18:00 horas.
“Pakolas”, rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta con longa traxectoria. Neste concerto, Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.
En “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo” Pakolas preséntará o seu último librodisco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020)
Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.
Así, a través das cancións e a narración, imos saltando a diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo ata chegar a Benvidas ao Futuro na que cantamos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.
Este espectáculo chega a través do programa Cultura no Camiño.