– Tamén levará a cabo formacións específicas para as auxiliares, que veñen de comezar cun curso sobre mobilización de persoas dependentes – Xa se están a redactar as bases para un novo proceso de selección de persoal, con creación de bolsa de emprego
Silleda. 16-4-24.- O Concello de Silleda xa está implementando melloras no SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, dando así cumprimento aos compromisos acadados nas últimas reunións mantidas polo goberno municipal tanto cas auxiliares sociosanitarias como cas familias das persoas usuarias.
A mellora da comunicación e coordinación entre as auxiliares e as traballadoras encargadas de coordinar o servizo vaise realizar a través da contratación da aplicación CIBERSAD Profesional, ampliando así as ferramentas do sistema de xestión do servizo e facilitando o traballo entre ambas partes.
“Agardamos que con este programa se mellore de xeito sustancial a coordinación do servizo, o que redundará ademais nunha mellor atención ás persoas usuarias”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
A formación sobre esta nova plataforma informática que utilizará o SAF de Silleda será impartida polo personal de coordinación a todas as auxiliares sociosanitarias.
Unha das melloras que xa se están a levar a cabo é a continuidade da formación para profesionais sociosanitarias. Así, hoxe martes celebrarase a primeira das sesións formativas para a mobilización de persoas dependentes, curso que se levará a cabo no salón de actos da Casa do Concello. Trátase dun curso exclusivo para as auxiliares sociosanitarias do SAF do Concello de Silleda que continuará o vindeiro martes día 23 tamén en horario de tarde.
Así mesmo, nas vindeiras xornadas realizarase outra das formacións, neste caso centrada en habilidades sociais, e que se vai impartir con persoal técnico do propio departamento municipal de Benestar Social.
Atención psicolóxica e bolsa de emprego
Por outra banda, e tamén a raíz das cuestións que xurdiron nas reunións ca plantilla, xa está activo o servizo de atención psicolóxica para as auxiliares do servizo, que poderán solicitalo no propio departamento de Benestar.
“Sabemos que é un traballo duro e consideramos que ademais do esforzo físico hai unha parte emocional que é moi importante atender, en definitiva, coidar das persoas que coidan”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Dende o goberno municipal tamén se están a ultimar as bases para abrir un novo proceso de contratación de auxiliares ca correspondente bolsa de emprego. “Agardamos que o proceso se active nos vindeiros días de cara a ampliar a plantilla, o que nos permitirá reducir a lista de agarda deste servizo”, conclúe a alcaldesa.