Silleda, 14 de novembro de 2019. O servizo de recollida a domicilio de mobles enseres e voluminosos posto en marcha o pasado mes de marzo polo Concello de Silleda recibiu dende a súa entrada en funcionamento e ata o pasado 30 de outubro un total de 125 avisos. Mobles, colchóns, electrodomésticos, equipos electrónicos, xoguetes…. Son algunhas das tipoloxías retiradas polo servizo, que executa a empresa Urbaser, e que se foron depositando no Punto Limpo.
Segundo os datos facilitados pola empresa que executa o servizo, retiráronse en peso, un total de 94.680 kilogramos de material.
No balance por meses, abril, foi no que máis avisos se recibiron cun total de 32, seguido do mes de xullo, con 20 avisos, sendo a media mensual de 15, 6 avisos.
“Estamos moi satisfeitos coa posta en marcha deste servizo que queremos seguir promocionando entre a poboación para facilitar á veciñanza o correcto depósito dos residuos voluminosos”, explica Manuel Cuiña, que lembra que xa no mes de marzo se enviaron a todos os domicilios dípticos informativos sobre este novo servizo.
Teléfono gratuito
Para deixar os avisos, indicando o material a recoller, os veciños teñen que chamar ao 900 720190 (gratuito) que está operativo de luns a venres en horario de 09:30 a 13:30 horas.
Os días de recollida son os mércores, xornada na que está aberto o Punto Limpo. Cada semana realízanse as recollidas dos avisos que se reciban ata o día anterior. Os usuarios deberán depositar os enseres os martes pola noite no lugar onde lles sexa indicado.
Así mesmo, dende o Concello de Silleda tamén se fai un chamamento á colaboración cidadá para o correcto funcionamento do servizo, incidindo en que só se poden depositar residuos voluminosos de carácter doméstico, para a súa posterior reciclaxe no punto limpo, e que deben depositarse na xornada anterior.
Así incídese en que non se recollerán por exemplo neumáticos nin residuos da construcción nin outros de carácter perigoso que non se poidan reciclar no punto limpo.
Un equipo formado por un conductor dun furgón habilitado ao efecto e un peón participarán nestas tarefas do servizo, logo do acordo asinado entre o Concello de Silleda e Urbaser.
Trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que xa exisitiu no seu día, -aínda que con menor periodicidade- e que agora se retmou “con ánimo de continuar apostando pola mellora dos servizos públicos ”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
Así mesmo, Cuiña sinala que este novo servizo supón “unha importante mellora e un paso máis na xestión de residuos no municipio de Silleda evitando a acumulación ou a lamentable formación de vertedoiros que por desgracia aínda se seguen a producir”, engade.