O servizo de recollida de voluminosos de Silleda tratou máis de 1.300 toneladas de residuos nos seus cinco anos de vida

Manuel Requeijo e Asunción García, concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, fan balance do lustro de vida deste servizo

A recollida faise a solicitude da veciñanza a través do teléfono 900 909 744

Silleda leva xa cinco anos ofrecendo un servizo de recollida porta a porta de  mobles, enseres e voluminosos para que a veciñanza non estea obrigada a trasladar este tipo de residuos ata o punto limpo.

Para facer uso deste servizo, a persoa interesada tan só ten que chamar ao teléfono gratuíto  900 909 744 os días laborais entre as 9.30 e as 13.30 horas indicando a tipoloxía do material a recoller, e os servizos municipais indicaranlle o lugar, o día e a hora a partir da que deben deixar os seus residuos fóra da casa.

O servizo limítase á recollida de residuos voluminosos domésticos, como mobles, electrodomésticos ou xoguetes. En ningún caso se fará cargo de pneumáticos, restos de construción ou produtos perigosos, así como de calquera outro material que non poida ser tratado a partir do Punto Limpo Municipal.

Manuel Requeijo e Asunción García, concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, fixeorn hoxe balance destes cinco anos de servizo e destacaron, que dende a súa entrada en funcionamento, recibíronse un total  de 5.854 avisos e se trataron  máis de  1.300 toneladas de residuos.

“Pasamos de ter preto de 200 avisos en 2019, o primeiro ano de servizo, ata os 1.200 que recibimos o pasado 2023”, subliñou Manuel Requeijo, para quen estes datos son unha boa mostra da grande acollida que tivo o servizo entre a cidadanía.

O concelleiro deu conta dos quilogramos de residuos recollidos e da súa composición. Sinalou que “o ano 2023 foi o de maior volume de recollida: 168.670 kg de cartón, 49.370 kg de voluminosos, 21.730 kg de plástico duro e 53,220 kg de madeira”.

Pola súa parte, Asunción García, concelleira de Medio Rural, valorou que este sistema supuxo  “unha importantísima redución no número de vertedoiros incontrolados”, aínda que recordou que este ano “o Concello tivo que intervir ata en tres ocasiones en vertedoiros nos que se atoparon  rodas, chapas metálicas, restos de obras e vidro”.

Por iso, fixo un chamamento á cidadanía para evitar estas prácticas e recordo que “o feito de que os servizos municipais teñan que ir a recoller residuos nun vertedoiro incontrolado non só ten un custo que pagamos todas e todos, senón que ademais resulta absolutamente intolerable no plano medioambiental e de respecto ao medio rural”.

Ámbolos concelleiros coincidiron en resaltar que o Concello de Silleda conta con sistemas de recollida de residuos orgánicos, residuos sólidos urbanos,  plástico, papel, roupa, aceite, enseres, voluminosos, tinta, pilas, cápsulas de café, teléfonos móbiles e aparellos electrónicos. “No caso doutros materiais, a concelleira de Medio Ambiente está a disposición da cidadanía para explicar como e onde deben reciclarse. Se alguén non se sabe onde tirar algo, pode contactar con nós”, finalizou Manuel Requeijo.