Silleda, 6 de maio de 2019. A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, informa da apertura do prazo extraordinario para o campamento de verán da Bandeira, a través do Servizo Lúdico Educativo, dado que aínda quedan prazas libres nesta localidade.
Así, tendo en conta que non se cubriron aínda as 25 matrículas necesarias para a realización deste servizo na localidade da Bandeira volven ofertarse prazas. As familias interesadas deberán presentar no Rexistro Municipal a solicitude (o formulario tamén se pode descargar da web municipal). O prazo estará aberto ata o vindeiro 17 de maio.
O prazo de reserva abriuse xa en agosto do pasado ano para as actividades de todo o curso, “pero xa que na Bandeira non contamos aínda cas matrículas suficientes para poder celebralo, informamos de novo ás familias interesadas para que poidan inscribir aos nenos e nenas”, explica a concelleira.
Coa inscrición hai que axuntar unha serie de documentación, (fotocopia do Libro de Familia, fotocopia da tarxeta sanitaria do/a menor, declaración da Renda 2017…), entre elas a autorización de domiciliación de recibos, cun formulario que tamén está dispoñible para os usuarios.
O servizo –para nenos e nenas de 3 a 12 anos- prestarase, en horario de mañá e tarde, dende o mes de xuño (ao día seguinte de rematar as clases) ata setembro (na víspera de inicio do novo curso escolar).
As prazas son limitadas. Para ampliar información as persoas interesadas poden dirixirse á Concellería de Educación no teléfono 986 592037.