Silleda, 24 de decembro de 2013. O municipio de Silleda rexistrou esta madrugada numerosas incidencias causadas polo temporal. Á caída de numerosas árbores, moitas delas invadindo estradas, sumaronse outros danos considerables en distintos puntos.
En Silleda as chapas da cuberta do edificio situado entre avenida do Parque e a rúa Castros de Toiriz foron desprazadas polo vento e acabaron nas beirarrúas. Esta mañá efectivos da Policía Local cortaron un tramo da citada avenida para que os bombeiros puideran asegurar os desperfectos e retirar as chapas caídas.
Na Bandeira o vendabal tamén levantou a carpa do campo da petanca. Ademais de afectar á estrutura levantou case toda a lona. En Lourás unha árbore que caeu sobre o tendido eléctrico deixou sen luz parte da parroquia de Manduas. Outra caeu sobre a fonte desta localidade (Lourás). Tamén caeron árbores na pista de Escuadro e na avenida do recinto feiral, ademais de quedar danados outros exemplares da Carballeira das Pedrosas.
O temporal tamén fixo caer focos das farolas xunto á escola infantil municipal, na rúa Venezuela, e levantou un valado de madeira nun solar da rúa María Colmeiro.
Na depuradora da Bandeira tamén se rexistaron problemas ao caer unha árbore e afectar ao sistema de alimentación eléctrica desta instalación.
Falta de Grumir e agradecemento aos traballadores municipais
Á vista da situación, dende o goberno local activouse un operativo de urxencia no que participaron ademais de traballadores municipais membros do executivo. “Situacións coma esta poñen en evidencia que en Silleda fai falta contar co Grumir ou outros equipos similares”, sinala o alcalde Manuel Cuíña, que destaca “que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais”. Dende primeira hora da mañá, Cuíña xunto cos concelleiros Klaus Brey e Luis Rodríguez percorreu os lugares das incidencias. Os tres edís tamén retiraron algunhas árbores en vías do rural, apoiando o traballo do equipo de traballadores municipais (que se centrou nas tarefas nos cascos urbanos e na depuradora) e dos efectivos do Parque Intercomarcal de Bombeiros, con numerosas incidencias durante a xornada.
O alcalde tamén quere amosar o seu especial agradecemento aos operarios do Concello que pese a estar disfrutando dunha xornada festiva acudiron a traballar hoxe en canto foron avisados.