Silleda, 13 de maio de 2017. O vindeiro mércores día 17 Silleda volve conmemorar o Día das Letras Galegas co Festival de Música Tradicional, organizado dende a Escola de Música de Silleda en colaboración co concello de Silleda.
A directora da Escola, Rocío Mosquera, xunto con Herminio Gómez Frade e a concelleira de Cultura, Ana Luisa González, presentaron a que será xa a sétima edición deste certame que nesta ocasión xuntará a 8 dos once grupos de música tradicional existentes no municipio silledense.
Así, nesta ocasión o festival contará coa presenta de Aires do Trasdeza, do Colexio Plirilingüe María Inmaculada; Gaiteiros da Pereiriña, de Ansemil-Martixe; as Pandereiteiras A Saleta de Siador; a asociación cultural Xirandola da Bandeira; O Son da Fervenza de Escuadro; Pau de Buxo, de Saídres; Os Carqueixas de Lamela e a Aula Tradicional da Escola Municipal de Silleda.
Co ánimo de trasladar o espírito festivo do Día das Letras á rúa, a cita comezará este ano na praza Siñor Afranio, onde os oito grupos interpretarán xuntos, ás 11:00 horas dúas pezas. Así, ademais do Pasodobre San Roque sonará o Himno Galego. Dende alí os grupos partirán dando un pasarrúas ata o auditorio da Semana Verde onde está previsto que dé comezo o festival ás 12:00 horas.
A cita será presentada este ano por Carlos Pedreira, guitarrista do grupo Voces da Terra, de Vila de Cruces.
Rocío Mosquera lembra que esta xuntanza comezou coa Feira de Reis e que despois se instarou no Día das Letras. “Para moitos dos grupos esta é ademais a única vez que por motivos de axenda poden actuar durante o ano na vila de Silleda”, sinala, explicando que este ano se quixo sacar a música tradicional á rúa para dar ambiente festivo.
“É moi significativo que nun municipio coma Silleda haxa nada menos que once grupos de música tradicional, algúns con 30 anos de traxectoria, e que esta tradición se manteña”, engade.
Este festival busca dar a oportunidade ao pobo silledense de disfrutar coa música destas formacións.
“Dende o Concello convidamos a todos os veciños e veciñas a asistir a este festival que é xa unha tradición no Día das Letras e que volve poñer en valor a nosa música tradicional”, explica Ana Luisa González.