O Concello instalará unha pantalla xigante na praza Juan Salgueiro de Silleda para ver a final da Champions

Ao remate do partido haberá tamén animación musical a cargo da Asociación Cultural Xuventude Silleda, que organiza das Festas de Verán

 

 

O Concello de Silleda, como xa se anunciou en días pasados, instalará unha pantalla xigante para poder seguir a final da Champions League o vindeiro sábado día 1 de xuño.

A cita será na praza Juan Salgueiro de Silleda a partir das 21:00 horas, cando dé comezo o partido entre o Real Madrid, no que milita o silledense Joselu, e o Dortmund.

Con este evento colaborará tamén a Asociación Cultural Xuventude Silleda que ao remate fará animación musical.

“Silleda ten hoxe en día a Joselu como o seu gran embaixador. É un orgullo e un honor ter deportistas que chegaran tan lonxe, neste caso no deporte rei, e por iso queremos abrir a cidadanía esta final para festexar tamén o triunfo histórico que xa logrou con eses dous goles que lle deron o pase á final ao seu equipo”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.