Silleda, 19 de outubro de 2013. A Concellería de Participación Cidadá, que dirixe Pilar Peón, pon en marcha novas actividades para o Clube do Centro Social dos Maiores, dentro do programa Silleda Activa.
Nos vindeiros meses celebraranse nos centros sociais de Silleda e A Bandeira diversas actividades que teñen como obxectivo a mellora e diversificación da oferta de ocio dos maiores do municipio.
Así, ademais da ximnasia de mantemento-que xa se comezou a celebrarse os martes e xoves no centro de Silleda- , tamén se oferta un obradoiro de memoria (a celebrar os luns en Silleda, na Casa de Xuventude de 11:30 a 12:30 e xoves no Centro dos Maiores da Bandeira, 11:00 a 12:00).
A oferta de Silleda Activa volve contar con unha das iniciativas máis existosas do pasado ano: o obradoiro sobre manexo de teléfonos móbiles, que se celebrará en decembro e xaneiro (os luns en Silleda, na Casa de Xuventude de 11:30 a 12:30 e os xoves na Bandeira, no Centro Social de Maiores de 11:00 a 12:00).
Tamén voltan as sesións de Arte Terapéutica, todos os mércores pola tarde de 17:00 a 19:00 no Centro Social de Maiores de Silleda.
O programa para os vindeiros meses inclúe ademais un cursiño de pintura, que se impartirá os venres de 18.00 a 19.00 horas na Casa da Cultura de Silleda.
Novidades e inscricións
Entre as novidades deste ano figura a actividade Aprendo inglés, que se desenvolverá os mércores de 11.30 a 12.30 horas, e o Faladoiro de Actualidade, con sesións que terán lugar os venres de 11.30 a 12.30 na Casa da Xuventude de Silleda, e nas que se analizará cos participantes a actualidade informativa da semana, axudando a comprender e a interpretar as novas e acontecementos máis destacados.
Todas as actividades son gratuitas, agás a ximnasia de mantemento, que ten un custe de 15 euros ao mes.
Para anotarse as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 986 592037, 986 580064, ou ben anotarse directamente nos Centros Sociais dos Maiores de Silleda e da Bandeira.
“Co programa Silleda Activa, co que o ano pasado botou a andar o Clube do Centro Social dos Mairoes, pretendemos diversificar a oferta para a terceira idade, con actividades que resulten atractiva e tamén beneficiosas para mellorar a súa actividade física, mental ou as súas aptitudes”, apunta a concelleira de Participación Cidadá, Pilar Peón.