As instalacións de Silleda e da Bandeira abrirán ao público a partir do 1 de xullo //
A inscrición nos cursos de natación farase directamente nas piscinas co persoal de salvamento //
Vólvense ofrecer tamén clases de ximnasia na auga para as persoas maiores //
As piscinas municipais de Silleda, con dous recintos en Silleda e na Bandeira, abrirán ao público o vindeiro luns día 1. Xa dende esta primeira xornada poderán realizarse tamén as inscricións para os cursos de natación co propio persoal de socorrismo (a partir das 12:00).
O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá dende as 12:00 horas e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos.
Ao igual que o ano pasado, tamén se ofrecerán cursos de ximnasia na auga para persoas adultas.
Os cursos de natación para nenos e nenas (a partir de 5 anos), serán os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:15 horas. Para os maiores, os martes e xoves tamén no mesmo horario. As clases comezarán o mércores día 3.
Horario de apertura
As piscinas abrirán ao público a partir das 14:30 e ata as 20:30 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e xornadas festivos, o horario será de 15:00 a 20:30 horas.
O custe da entrada ao recinto será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza da taxa polo uso de instalacións deportivas, e abonarase nas propias instalacións.
Tamén comezarán a venderse no Concello (na pranta baixa, no mostrador de Benestar) os bonos para toda a tempada, a partir do martes 25.
O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Por cada persoa que figure como titular da familia abonaránse 10 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, o segundo paga 8 euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará.
En canto aos cursos de natación, os prezos tamén son máis vantaxosos para as persoas abonadas. Así, os menores abonados pagarán 3 euros por mes; os non abonados 20 euros. Os cursos para adultos custan 9 euros (para abonados) e 20 euros no caso de persoas non abonadas.
Preparación dos recintos
Dende o Concello de Silleda xa se comezou hai varios días a traballar no acondicionamento e limpeza dos dous recintos, a fin de telos listos para a tempada. Tamén se procedeu á contratación dunha empresa para poder contar con personal de socorrismo, imprescindible para poder abrir as piscinas, xa que o proceso aberto para a contratación de socorristas como personal funcionario interino quedou finalmente deserto.