Silleda, 2 de abril de 2020. Dende mañá venres, quedarán abertas as tapas dos colectores de lixo no rural, como medida preventiva ante posibles contaxios de COVID 19, a medida que se vaian baleirando en ruta. A empresa encargada da recollida do lixo deixará dende mañá estes colectores abertos, e tentará deixar tamén as pequenas dos colectores amarelos. No caso dos de carga lateral non é necesario ao contar cun dispositivo de apertura que permite non tocar cas mans os recipientes.
Dende o Concello apélase tamén á responsabilidade da veciñanza á hora de ter especial coidado na limpeza das mans despois de cada manipulación. Polo demais estase procedendo ao lavado e desinfección de todas as unidades do servizo de lixo, e nos vindeiros días procederase tamén ao lavado dos destinados ao textil. Desta medida informarase á cidadanía por distintas canles.
Por outra banda, hoxe constatáronse dous novos casos de persoas infectadas co virus en Silleda. Trátase dunha veciña que xa recibiu a alta hospitalaria e que se recupera noutra localidade galega e dun veciño que está hospitalizado nun centro da área de Santiago. O primeiro caso, coñecido a semana pasada, é o dun varón que tamén continúa ingresado e que evoluciona favorablemente ao tratamento en planta.