Os contos de Raquel Queizás e a actuación de Magín Blanco, principais citas desta semana para o público familiar

Silleda, 5 de decembro de 2016.  O programa de Nadal do Concello de Silleda contará esta semana con dúas destacadas actividades para o público familiar. Así, mañá martes chega a Silleda “A maleta da avoa”, a sesión de contacontos de Raquel Queizás, considerada unha das mellores narradoras galegas do momento. A cita será ás 17:00 horas na Casa da Xuventude, recomendado para nenos e nenas a partir dos tres anos. Raquel Queizás é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (1998). Cursou estudos de Artes Escénicas (interpretación, clown, improvisación, expresión corporal, bufón, commedia dell'arte, danza teatro, mimo, voz e canto, acrobacia, manipulación e fabricación de títeres,etc.) en diferentes centros ou encontros de formación (UNIMA Aragón, Sala el Montacargas de Madrid, RESAD, Sala DT, Taller de teatro Asura, PROEXDRA, Estudio 3, Aula de Teatro de Santiago de Compostela, Espacio Aberto).  

Formou parte do elenco de compañías como; Os Monicreques de Kukas, A Xanela do Maxín, Galitoon, ou como actriz e manipuladora da obra “Valdemuller” do Centro Dramático Galego. Fora de Galcia tamén participou en diversas compañías como; Akantaros, Tragaleguas teatro, Trasteando títeres ou Leo Bassi entre outras.

Magín Blanco, o xoves na Bandeira con A nena e o grilo

A segunda das citas para o público familiar chega da man de Magín Blanco, un dos creadores máis interesantes do rock galego, e a súa Banda das Apertas. A actuación será o xoves día 8 no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira ás 18:00 horas, con entrada libre.

O músico ourensán iniciou a súa carreira no grupo La Rosa, co que editou 4 discos. Dende 2006 publicou 4 discos en solitario antes de adicarse á música infantil, con aclamados traballos como Gatux@, Canta o cuco (tributo a Manuel María xunto con Uxía Senlle) , ou a exitosa A nena e o grilo, coa que chegan á Bandeira

A Banda das Apertas está composta por Magín Blanco, María Faltri, Jorge Jucan e Jerry Noia.

Xuntos irán repasando as aventuras de A nena e o grilo, descubrindo os seus segredos a través de cancións e contos. As aventuras inciden directamente en temáticas esbozadas nas entregas de Magín Blanco ao público infantil , tanto na de A nena e o grilo no pais das apertas (2010), A nena e o grilo nun barquiño, coma de Gatuxo, ou outras publicacións como María Fumaça ou Rosalía Pequeniña.

 

Actividades na Biblioteca municipal e Obradoiros na Casa da Xuventude

Por outra banda hoxe luns deron comezo na biblioteca municipal Daniel Castelao as actividades do programa de Nadal. O concurso Citas literarias abreuse esta tarde co obxectivo de promocionar a lectura entre o público. Así as persoas que desexen participar terán que adiviñar que é o autor ou autora de coñecidas citas literarias dun total de 10 frases.

Entre os que completen cinco das propostas sortearase un exemplar na novela “Todo esto te daré”, de Dolores Redondo, o último Premio Planeta. Os que completen os 10 autores/as participarán no sorteo dun CD de Bob Dylan, o premio Nobel deste ano.

Tamén o mércores día 7 se colocará a árbore de Nadal “Os nosos escritores”, unha creación na que estarán presentes,  as fotos dos autores e autoras que participaron no Club de Lectura da Biblioteca Daniel Castelao nos últimos meses.

Mentres, a axenda de obradoiros de Nadal da Casa da Xuventude arranca tamén o mércores día 7 con “Espíritu Artesán” no que se elaborarán estrelas con pinzas de madeira.