-O goberno tomou esta decisión co fin de que non se confundan as convocatorias ás reunións con mitins electorais
Silleda, 8 de xuño de 2016. A rolda de visitas ás parroquias, que o goberno trasdezá viña mantendo nas últimas semanas co fin de comentar os avances nos distintos proxectos que se están levando a cabo no concello, así como recoller as demandas veciñais dos distintos lugares, quedarán aprazadas dende este mércores día 8 de xuño, ata pasadas as próximas eleccións, para que estas xuntanzas non dean lugar a confusión coa campaña electoral.
Logo do próximo 26 de xuño retomaranse estes encontros, nos que se fan sabedores aos veciños do estado no que se atopan proxectos tan importantes coma o PXOM, pendente de aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia, o Centro de Día Residencial, a piques de rematar o proxecto de execución, ou o Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda, que aspira a unha subvención de máis de dous millóns de euros nas axudas europeas do Espazo Atlántico.
Entre as demandas máis importantes recabadas dos veciños nas distintas parroquias, destacan a petición de bacheo das pistas do rural e o desbroce das beirarrúas das mesmas, actuacións que xa se están levando a cabo dende hai un mes por parte da Concellería de Obras e Servizos, que preside Klaus Brey.
Outra das inquedanzas dos veciños versa sobre a revisión catastral á que tódalas vivendas do municipio se van ver sometidas durante o presente ano, e que por primeira vez afectará tamén a instalacións agrícolas e gandeiras, xa de por sí afectadas pola grave crise que está a vivir o sector . Para atallar no posible esta situación, dende o concello declarouse á gandería e á agricultura coma sector estratéxico para o municipio, medida coa que se espera poder facer unha bonificación de ata un 95% a todos aqueles gandeiros que así o soliciten.
As reunións polas parroquias rematarán no día de hoxe, cun encontro ás 20:00 horas cos veciños de Ansemíl e Martixe, e outro ás 22:00 cos de Negreiros.