Os obradoiros de Activa-das abren a programación do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero

  • As sesións continuarán ata o vindeiro venres día 22 na Casa da Xuventude

  • Entres as diferentes propostas haberá sesións para escolares e unha performance colaborativa

O Concello de Silleda abriu a programación conmemorativa do Día Internacional contra a Violencia de Xénero co inicio dos obradoiros do programa ACTIVA-DAS, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar).
Este programa, que se prolongará ata o vindeiro venres 22 de novembro, está dirixido a mulleres con discapacidade do municipio. A través de obradoiros de intervención grupal, traballarase no recoñecemento e fortalecemento das capacidades das participantes, fomentando a súa autoestima, autocoidado e procesos de apoderamento tanto individuais como colectivos.
Con esta iniciativa, que busca avanzar cara á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, dáse inicio á programación do 25-N, que incluirá distintas actividades ata finais de mes.
Os actos centrais celebraranse o luns 25 de novembro. Ao mediodía, terá lugar unha performance protagonizada por estudantes de Silleda baixo o lema As irmás Mirabal, en homenaxe ás tres mulleres asasinadas na República Dominicana o 25 de novembro de 1960. Na súa memoria, as bolboretas encherán a fachada da Casa do Concello, que se iluminará de cor violeta durante toda a xornada.
Ás 20:00 horas procederase á lectura do manifesto institucional deste ano. Ademais, durante a xornada instalaranse puntos violeta para a información e sensibilización:
•De 10:00 a 13:00 horas na praza da Igrexa, en Silleda.
•De 16:00 a 20:00 horas na praza Juan Salgueiro, na Bandeira.
A programación concluirá con novas accións de prevención e sensibilización. Os días 27 de novembro e 2 de decembro instalaranse puntos violeta fixos nos centros educativos IES Pintor Colmeiro e CPR María Inmaculada, que tamén acollerán obradoiros específicos.
“A implicación dos centros educativos é tamén clave nesta programación, na que a prevención e sensibilización centran como cada ano as actividades que se desenvolven dende o Concello”, subliña Ángela Troitiño, concelleira responsable de Igualdade.