Silleda, 2 de xaneiro de 2017. Os Reis Magos chegan o vindeiro xoves día 5 ao municipio de Silleda para vivir cos nenos e nenas outra xornada de ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar arribarán á Casa da Cultura ás 17.45, onde serán recibidos polo alcalde, Manuel Cuíña, e a Corporación Municipal ao son da Banda de Música Municipal de Silleda. Nesta ocasión, os tres magos de Oriente chegarán a Silleda en autobús.
Logo da recepción e do xa tradicional saúdo dende o balcón, comezará o tradicional percorrido da Cabalgata, integrada por 3 carrozas. Nesta edición será preto de 90 os nenos e nenas de Silleda que participen como paxes na comitiva real de Melchor, Gaspar e Baltasar, viaxando tanto nas tres carrozas coma no autobús de época que acompañará o percorrido. En canto á organización, na Cabalgata participan sobre 30 persoas, entre persoal municipal, voluntarios… que se encargan de coordinar o percorrido e velar pola seguridade do evento.
A choiva de caramelos sin gluten tampouco faltará neste percorrido.
A cabalgata organizada dende a Concellaría de Cultura discorrerá pola percorrido habitual: rúas Progreso, Avenida do Parque, María Colmeiro, Venezuela e rúa Outeiro e rematará no pavillón número 2 do recinto feiral da Semana Verde de Galicia, onde se servirá chocolate con churros gratis para todos os asistentes.
Hoxe mesmo celebrouse a última reunión para ultimar os preparativos da cabalgata.
Dende a organización, agradécese a participación da Banda de Silleda e da empresa Hermanos Villar que unha vez máis participan na cabalgata, así como todas aquelas persoas que de xeito voluntario colaboran con esta iniciativa, unha das grandes citas do Programa de Nadal.