Silleda, 24 de marzo de 2015. Técnicos da Deputación de Pontevedra procederon na xornada de hoxe ao estaquillado do novo trazado da estrada a Cira. Dende o Concello de Silleda, logo da reunión celebrada en semanas pasadas cos propietarios dos terreos afectados, solicitouse que se levara a cabo esta actuación para “que os veciños poidan coñecer sobre o terreo e con máis precisión por onde discorre o novo trazado”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O concelleiro Klaus Brey estivo hoxe no lugar durante os traballos de sinalización.
O proxecto foi denominado polo ente provincial como “Novo Trazado da estrada Capela do Couto”, e discorre entre a pista de Augacae (á altura da parroquia de Dornelas) e o cruce de Cira. Tratase dun tramo moi sinuoso e con grandes desniveis que acentúan o perigo desta estrada, que une ademais o municipio silledense co veciño de Vila de Cruces.
Dende o Concello de Silleda, que debe poñer os terreos a disposición da Deputación para a execución dos traballos, prevese convocar un novo encontro cos veciños.
Os traballos suporán un importante movemento de terras. Todo o pavimento irá en aglomerado en quente e colocaránse cunetas triangulares formigonadas.
O proxecto inclúe ademais toda a sinalización e pintado do vial, así como a dotación de vallas de protección para os desniveis, “unha medida moi importante para garantir a seguridade nesta estrada, que rexistra un destacado volumen de tráfico”, engade o rexedor. Tamén está previsto proceder á canalización dos regatos da zona.