O Obradoiro de Arte Terapéutica, unha das novidades incluídas no programa Silleda Activa, celebrará ao longo deste mes distintas sesións co Nadal como protagonista. Así, os alumnos e alumnas que acoden a esta novidosa proposta para os maiores realizaron xa as postais de Nadal coas que se felicitará nestes días aos socios e socias do Clube do Centro Social dos Maiores.
Con esta actividade, ademais de cumprir cos obxectivos específicos deste obradoiro (usando as artes manuais coma terapia tanto física como a nivel psicolóxico) tamén se busca dar a coñecer ao resto dos maiores que formar parte do Clube o traballo realizado, felicitándolles o Nadal cunha postal creada por eles e firmada pola alcaldesa, Paula Fernández.
Os obradoiros continúan todos os mércores de decembro no Centro Social, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Mañá día 5 realizaranse anxos e outras figuras decorativas para estas dependencias municipais; o mércores día 12 parán figuras para o Belén e o Pai Nadal, ademais de montar unha árbore, e o día 19 crearán o Belén.
Máis de 300 socios e propostas novidosas
A día de hoxe o Clube dos Maiores de Silleda supera xa os 300 socios e socias, que disfrutan de descontos tanto en actividades municipais como en establecementos (ópticas, ortopedias, herbarios, clínicas dentais…). Para obter o carné, que se entrega de xeito gratuito aos maiores de 65 anos ou aos que aínda sen ter esta idade sexan pensionistas, os interesados poden achegarse ata o Centro Social de Silleda ou ben solicitalo vía telefónica para que llo envíen ao seu domicilio.
O programa Silleda Activa, a primeira actividade coa que se estrea o Clube Social dos Maiores, inclúe ademais deste obradoiro de arte terapéutica outras moitas actividades que están a ter gran éxito. Entre as máis novedosas destaca o obradoiro de alfabetización dixital, no que se ensina aos asistentes a usar e sacarlle partido ao teléfono móbil.