Silleda, 30 de agosto de 2013. As tres forzas políticas con representación na Corporación Municipal de Silleda acordaron consensuar un escrito para remitir á Consellería de Vicepresidencia solicitando a máxima urxencia para o traslado da Escola de Música ás oficinas da Fundación Semana Verde de Galicia.
A xuntanza de voceiros foi convocada polo alcalde, Manuel Cuíña, e contou coa asistencia da concelleira Marta López Arines (PP), o concelleiro Matías Rodríguez Da Torre (BNG) e tamén da concelleira responsable do departamento de Cultura, Margarita Campos, que participou en días pasados xunto co rexedor nunha reunión coa directiva da Escola de Música e a Anpa.
Cuíña explicou aos voceiros a preocupación que lle transmitiron os membros da Banda polo retraso no traslado. “O proxecto xa foi incluído nos orzamentos municipais deste ano, pero está aínda pendente de firmar a cesión das instalacións coa Fundación Semana Verde”, explicou o alcalde. Deste xeito acordouse remitir á Consellería, que ostenta a presidencia da entidade feiral, un escrito apoiado por todos os grupos pedindo a máxima axilidade á firma do convenio que posibilitará trasladar ao recinto as instalacións da Escola de Música, totalmente obsoletas para acoller as actividades que se veñen realizando nas dependencias actuais.
O escrito tamén está asinado polos responsables da entidade, asociación Amigos da Banda de Silleda, e a Anpa Musiquiños, entre outros.
Negociación da débeda
No mesmo encontro, Cuíña explicoulles tamén aos voceiros de PP e BNG o estado das negociacións coa Consellería de Vicepresidencia para resolver a débeda que manteñen o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde. “Faleilles do estado das negociacións, que a día de hoxe están a estudar os técnicos”, sinala Cuíña.
Dedicacións exclusivas
Por outra banda o alcalde tamén lles explicou no encontro a súa proposta para establecer as dedicacións exclusivas do grupo de goberno. Así, Cuíña propuxo dividir a segunda dedicación, (ata agora ligada a tenencia de Alcaldía), por importe de 28.197,26 euros brutos anuais, en dúas parciais.
Estas dúas medias dedicacións, de 14.098,63 euros brutos anuais cada unha, outorgaríanse aos dous novos integrantes do grupo de goberno, Pilar Peón Iglesias e Luis Rodríguez Vázquez, que tomarán posesión como novos concelleiros no vindeiro pleno de setembro.
Pilar Peón Iglesias asumirá as competencias en materia de Educación, Emprego, Participación Cidadá, Sanidade e Persoal, e Luis Rodríguez Vázquez as de Medio Ambiente, Comercio e Industria. “Son nos dous casos áreas cunha grande carga de traballo que implica un seguimento diario”, avanzou Cuíña. Tamén quixo destacar “o xesto xeneroso do tenente de alcalde, Klaus Brey, cos compañeiros, pese a ter tamén unha área con moita responsabilidade e de gran carga de traballo”, engadiu. Klaus Brey, ademais da tenencia da Alcaldía, é o responsable de Medio Rural, toda a área de Servizos, Deportes e Mocidade.
Encontro moi cordial
Por último, Cuíña resalta a cordialidade na xuntanza celebrada esta mañá, na que os voceiros dos grupos da oposición agradeceron tamén que se lles informara das distintas cuestións tratadas. “Houbo moi boa sintonía e agardamos que este clima cordial continúe polo ben de todos”, engadiu.