Silleda, 1 de setembro de 2014. As piscinas municipais de Silleda e Bandeira continuarán abertas ao público como xa se informou ata o vindeiro domingo día 14 de setembro. Dende o goberno municipal de Silleda á vista das previsións de bo tempo e calor para os vindeiros días decidiuse ampliar este servizo, que ademais será gratuito nestas dúas semanas.
“Á vista de que a ampliación de horario non supón custes a maiores para o Concello, decidimos que nestas dúas semanas os veciños e veciñas disfruten de xornadas de portas abertas, sen necesidade de abonar as taxas”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.
Nos últimos anos as dúas instalacións mantíñanse abertas ata o día 1 de setembro, data na que se daba por rematada a tempada, pero á vista das previsións de bo tempo e da intensa calor destes días, o Concello optou por prorrogar a tempada ata o domingo 14.
O horario de apertura continuará igual que dende que se abriron ao público a principios de xullo, de 14.00 a 21.00 horas, de luns a venres e o sábado e domingo abrirán de forma continuada dende as 15.00 ás 21.00 horas.