Outorgadas as licenzas ao cemiterio de Lamela e a nave multiusos de Área 33

 

Silleda, 16 de abril de 2013. A Xunta Local de Goberno de Silleda vén de outorgar na súa última sesión un total de 13 licenzas de obra e actividade, entre as que destacan algunhas coma a do cemiterio de Lamela, promovido pola Asociación de Veciños ou a do pavillón multiusos situado nunha das parcelas do polígono empresarial Área 33.

O do cemiterio de Lamela, para a construcción de 16 novos panteóns  outórgase, é un dos casos nos que a solicitude de licenza de obra se formulou tres meses antes (prazo que ten a Administración para responder) da suspensión de permisos de obra maior decretada pola aprobación inicial do Plan Xeral, agás para a ampliación de explotacións agrarias no rural e no ámbito do polígono empresarial Área 33, que se rixe polo  seu propio plan parcial.

Trátase en todos os casos de actuacións que son compatibles coa normativa en vigor e tamén co novo planeamento.

Entre os permisos concedidos na citada sesión figura tamén a licenza provisional de actividade para o pavillón multiusos promovido por un empresario silledense nunha das naves situadas no polígono empresarial Área 33. A Xunta de Goberno Local tamén acordou a concesión de licencia para outra nave que se destinará a almacén de elementos de calderería pesada nunha das parcelas do polígono silledense.

No listado de licenzas outorgadas figuran tamén  varios permisos para ampliar explotacións agrarias en Parada,  Escuadro ou Siador.

Tamén se outorga licenza para contruir dúas sepulturas en Vilar, e se procede á legalización de actividade dun taller en Silleda, entre outros, actuacións que se solicitaron tamén no prazo de tres meses antes da suspensión de licenzas.

No caso do cemiterio de Lamela, obra para a que a Administración autonómica chegou a requerir documentación ata en tres ocasións, dende o goberno municipal, a alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández, destaca a axilidade do Concello, “xa que as últimas autorizacións previas á concesión de licenzas chegaron aínda a semana pasada”.