Silleda, 11 de marzo de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de resolver a convocatoria de bolsas para o transporte universitario e para estudantes de ciclos formativos, durante o primeiro semestre deste ano 2015.
Revisadas as solicitudes presentadas, acordouse outorgar as citadas bolsas a un total de 28 estudantes silledenses, todos os que pediron esta axuda e que cumprían ademais os requisitos establecidos nas bases.
En total a contía das axudas ascende a 5.350 euros. Dependendo dos ingresos familiares, entre outros factores, estableceuse un reparto por tramos. Así, outorgáronse seis bolsas de 300 euros; outras tres por valor de 250 euros; seis de 200 euros; seis de 150 euros e outras sete bolsas de 100 euros.
As cantidades serán abonadas directamente nas contas bancarias dos estudantes nos vindeiros días.
“Dende este goberno municipal consideramos que este sistema de axudas é máis xusto e tamén operativo en relación á concesión de bonos de desconto que se viña facendo nos últimos anos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña. A concesión de bolsas para o transporte universitario retomouse xa o pasado ano, coa convocatoria para os tres últimos meses de 2014.
“Con esta iniciativa que se levou a cabo dende a Concellería de Educación, estamos a axudar aos mozos e mozas do noso municipio a sufragar os gastos que hoxe en día implican os estudos universitarios e de ciclos formativos”, engade Cuiña.