Silleda, 31 de xullo de 2021. O goberno municipal de Silleda vén de redefinir áreas coa entrada no executivo de Paula Fernández Pena, en substitución de Klaus Brey.
Así, Fernández Pena asumirá a xestión de Urbanismo, área da que é boa coñecedora pola súa formación como arquitecta técnica, e porque xa asumiu estas competencias durante a súa etapa como alcaldesa.
Ata o de agora, dende o inicio da lexislatura, ao fronte de Urbanismo estaba Pili Peón, que pasará agora a asumir as áreas que levaba Brey. Deste xeito, sumará Medio Ambiente, Industria e Servizos, ademais de continuar con Emprego, Persoal e Comercio.
O resto de áreas quedan como estaban. Así, o alcalde, Manuel Cuiña, continuará coas atribucións en Economía e Facenda, Seguridade, Réxime Interior e encargarase tamén de xeito directo dos grandes proxectos que se tramiten dende o Concello.
Mónica González é a responsable das áreas de Cultura, Turismo, e Deporte, ademais da Comunicación da entidade local.
Ángela Troitiño Gil encárgase das áreas de Benestar Social, Igualdade, Educación, Sanidade, Xuventude e Normalización Lingüística; Jesús Taboada Lázara cas funcións como responsable de Medio Rural, e o departamento de Vías e Obras segue coordinado por Antonio Ferro Losada, na concellería dende a que se abordarán as tarefas de mantemento por parte da Administración local.
En canto as adicacións, suprímese a que viña estando asignada a Brey Montaña.
O goberno municipal mantivo un primeiro encontro de traballo en días pasados trala incorporación de Paula Fernández como concelleira do grupo. “Nos vindeiros días farase o traspaso de traballo no departamento de Urbanismo, un departamento do que Fernández Pena é gran coñecedora”, explica Cuiña agradecendo tamén o traballo realizado por Pili Peón nestes dous anos ao frente de Urbanismo.
“Temos por diante retos coma a aprobación do PXOM nunha área das de maior peso na Administración Local , e no ámbito da Medio Ambiente tamén quedan por diante destacados proxectos relacionados tanto cos servizos á cidadanía como co cumprimento da axenda 2030”, remarca o alcalde.