Paula Fernández: “En Silleda recollemos ao ano unhas 1.200 Tm de materia orgánica entre o contedor marrón e os composteiros do rural”

A alcaldesa inaugurou hoxe o Congreso Concellos 20-30 asegurando “moitas alcaldesas e alcaldes temos na nosa axenda o deseño de concellos coa premisa da sostibilidade”

O 42% da poboación do municipio pode depositar a materia orgánica nos contedores especiais distribuídos no casco urbano

No rural, o concello distribuíu de xeito gratuíto 600 composteiros individuais

Silleda está a elaborar o plan estratéxico dos ODS da Axenda 2030

“Os concellos estamos nun cambio de paradigma e agora, como é o caso de Silleda, xa temos en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030”, asegurou esta mañá a alcaldesa Paula Fernández na inauguración do Congreso Concellos 20-30 que se está a desenvolver coincidindo coa celebración da Feira de servizos municipais Expo Municipal. Paula Fernández expuxo na mesa redonda da tarde o caso de éxito da implantación do contedor marrón en Silleda, que chega ao 42% da poboación do municipio para recoller ao ano unhas 938 toneladas de residuos orgánicos anuais para xerar 328 toneladas de compost.

“Hoxe en Silleda temos un Plan de emerxencia polo risco da seca, e un Plan de acción polo clima e enerxías sostibles. Estamos xa a implementar a Axenda 2030 e un plan de mobilidade urbana. Os concellos soubemos estar a altura dos retos de desenvolvemento sostible”, asegurou Paula Fernández durante a inauguración do congreso. “Somos moitas as alcaldesas e os alcaldes que temos na nosa axenda o deseño dos concellos coa premisa da sostibilidade”, asegurou.

Xa pola tarde, Paula Fernández participou na mesa redonda sobre casos de éxito na implantación da materia orgánica, xunto con representantes dos concellos de Santiago de Compostela, Vilagarcía e Laracha.

A alcaldesa asegurou que Silleda iniciou o presente ano xa coa implantación do contedor marrón, para a recollida de residuos orgánicos no casco urbano de Silleda para dar servizo a 3.857 habitantes (o 42% da poboación do municipio). “Somos un dos poucos concellos da comarca que xa ten implantado o contedor marrón, co que esperamos recoller anualmente 938 toneladas de residuos orgánicos para xerar 328 toneladas de compost”, afirmou.

Fernández asegurou que con esta medida dáse continuidade a planificación estratéxica iniciada en 2018 para mellorar a recollida e tratamento de residuos urbanos, que se complementa coa distribución no rural silledense de 600 composteiros domésticos individuais. Uns composteiros que foron entregados á cidadanía de “xeito totalmente gratuíto» grazas á colaboración entre o Concello de Silleda, a Xunta, a Deputación de Pontevedra e Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O resultados da distribución destes 600 composteiros no rural “permítennos falar acltualmente dunha xeración media de fracción orgánica total de  289 toneladas ao ano para xerar entre 101 e 130 toneladas de compost anual”, dixo a alcaldesa. Paula Fernández destacou ao respecto que este traballo de reciclaxe “permite reducir en 88 CO2-eq a emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro, ascendendo a 289 as toneladas de residuos que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos nesta materia”.

Este proxecto do Consello de Silleda “permítenos acadar una mellora do actual servizo de lixo, ademais de contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos, nacionais e autonómicos en materia de prevención e reciclaxe de residuos”, dixo Paula Fernández.

Axenda 2030

“O Concello de Silleda, comprometido cos desafíos que expón a Axenda 2030, leva anos traballando nesta liña e decidiu dar un paso mais  á fronte, elaborando e aliñando a súa estratexia de desenvolvemento sostible local co marco de transformacións que expoñen os ODS. Para acadar este obxectivo levamos tempo desenvolvendo boas prácticas medio ambientais a través de distintivos proxectos e programas”, asegurou a alcaldesa.

Paula Fernández fixo alusión a implementación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) dende 2019; o Plan de Acción polo Climia e a Enerxía Sostible (PACES), dende 2020; o Plan Municipal de Emerxencia e Xestión do Risco da Seca (2021) e ao Proxecto Rede de Calor District Heating (2020).

Na súa intervención, Paula Fernández avanzou que o Concello de Silleda está a elaborar o Plan Estratéxico de Localización e Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, grazas a unha subvención do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Isto “suporá a elaboración dunha folla de roteiro para unha mellor planificación, cumprimento, seguimento e medición dos resultados obtidos no noso municipio en relación aos ODS, dende unha visión holística e sistémica que poña de manifesto a interrelación entre as tres dimensións do desenvolvemento sostible: dimensión económica, social e ambiental”, afirmou.