O acto celebrouse este martes 1 de outubro no Concello da Coruña organizado pola súa rexedora, Inés Rey
Este evento reuniu a alcaldesas de toda España para reflexionar sobre o papel clave das mulleres na gobernanza municipal
A rexedora silledense asinou a II Declaración de María Pita
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, asistiu este martes 1 de outubro ao II Encontro de Alcaldesas, celebrado no Concello da Coruña e organizado pola súa rexedora, Inés Rey. Baixo o lema ‘Tomando decisións para cambiar o mundo’, este evento reuniu a alcaldesas de toda España para reflexionar sobre o papel clave das mulleres na gobernanza municipal, liderando o cambio cara a un futuro máis igualitario, sostible e xusto.
Durante o encontro, asinouse a II Declaración María Pita, unha declaración que reafirma o compromiso das alcaldesas asinantes coa transformación social desde os concellos, impulsando políticas inclusivas e con perspectiva de xénero. «As mulleres que lideramos gobernos locais temos a responsabilidade e a forza para promover cambios reais que melloren a vida da cidadanía e construír espazos máis xustos para todas e todos”, afirmou Paula Fernández.
O encontro, que se prolongou durante a tarde, contou con mesas de debate nas que alcaldesas de toda España discutirán novas políticas incluídas na axenda do cambio, e abordarán o concepto da Cidade das Mulleres, poñendo a perspectiva de xénero no centro das políticas urbanas.
Este evento cobra unha importancia especial tendo en conta que, en 2023, só o 23,2% das alcaldías en España están ocupadas por mulleres. En Galicia, a representación feminina é aínda menor, con aproximadamente o 19% dos municipios. “A pesar destas cifras, as alcaldesas estamos a demostrar que liderar desde unha perspectiva feminista é clave para transformar a sociedade”, dixo Paula Fernández.
A alcaldesa silledense destacou que as mulleres son as protagonistas deste cambio: “As mulleres lideramos a transformación social que necesitamos, desde os concellos e con políticas inclusivas e xustas. Iniciativas como a Declaración María Pita unen a nosa forza e visión para construír un futuro mellor”, engadiu.