– O espazo estará pechado ao público dende hoxe por seguridade. Os traballos de demolición interna xa están en marcha dende hai varios días e ao longo da semana está previso proceder ao derribo da construción
Silleda. 22 de abril de 2024. O Concello de Silleda vén de pechar dende hoxe o acceso ao parque infantil da Bandeira, unha medida que se adopta por cuestións de seguridade ante os traballos de demolición que están previstos na vivenda contigua, en plena praza da vila.
Nos últimos días comezaron xa os traballos de demolición e desmontaxe interna da construción, adquirida hai uns meses polo Concello de Silleda, nunha operación que pon fin a unha situación anómala (ao estar a vivenda nunha praza pública) e amplía o espazo para a veciñanza nesta localidade.
Está previsto que a demolición da estructura se acometa ao longo desta semana.
Unha vez derribada esta vivenda, levarase a cabo a ampliación do espazo de lecer infantil, aumentando a zona de xogos con preto de 140 metros cadrados máis, con novos elementos de xogo e unha zona deportiva.
Cabe recordar tamén que toda esta zona está incluída no proxecto de Mellora da mobilidade peonil e Rexeneración Urbana no centro de Bandeira que abrangue un ámbito de actuación dunha superficie de 7.623,05 m2. e que está en marcha cun investimento de máis de 800.000 euros, a través do programa europeo DUS 5000.