Silleda, 2 de abril de 2019. O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui volta a Silleda con tres citas na axenda para as vindeiras semanas, na que será xa a sétima edición do certame. Organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) en colaboración co Concello de Silleda, esta programación –co teatro como gran protagonista- ten como obxectivo recadar fondos para financiar o programa Vacacións en Paz.
A primeira cita terá lugar o vindeiro domingo 14 de abril no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira ca representación da obra “Cartoóns”, un espectáculo para o público familiar que poñerán en escea Mofa e Befa, unha compañía que vén colaborando e participando no programa nos últimos anos. A cita será ás 19:00 horas con entradas a 5 euros (3 euros para nenos e nenas de 3 a 12 anos).
O 4 de maio chegará o espectáculo central deste ano co coñecido actor, humorista e poeta Pepe Viyuela, gran coñecedor da causa saharaui . O actor, coñecido pola súa participación en películas como El milagro de P. Tinto, programas de televisión ou series como Aida, Olmos y Robles, ou a máis recente Matadero, volta a Silleda –onda xa estivo no ano 2004 ca Semana do Humor. Viyuela, considerado tamén un dos grandes impulsores do proxecto “Payasos sin fronteras”, estará no auditorio da Semana Verde ás 21:00 horas, co espectáculo “Encerrona”. O donativo será neste caso de 10 euros.
Teatro e música daranse a man na última cita do Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui o sábado 25 de maio na Bandeira. A xornada, a partir das 18:00 horas, contará coa participación da Banda Xuvenil e a Peke Banda da Bandeira que acompañarán aos grupos infantís de teatro Papaventiñ@s de Vedra; Escenario Público, de Silleda; Medias Verdes, da Bandeira, e Os Xurelos e Xureliños de Antas de Ulla, coa colaboración da actriz silledense (que dirixe a estes grupos), Cristina Collazo. O donativo neste caso será voluntario.
As entradas para as funcións poderán adquirirse en taquilla unha hora antes.
O responsable da entidade no Deza, Pablo Romeo, agradece “tanto ao Concello de Silleda coma as entidades colaboradoras, artistas e a toda a xente que vén asistindo a esta programación a súa aportación á causa”, e destaca a importancia do programa Vacacións en Paz, “polas posibilidades que ofrece a moitos nenos e nenas saharauis de entre 8 e 12 anos de idade que ademais de alonxarse das duras condicións de vida do deserto durante o verán, tamén reciben revisións médicas durante a súa estadía a través desta iniciativa”, engade.
Na presentación do programa participaron as concelleiras de Cultura, Ana Luisa González, e de Benestar Social, Pili Peón, que fixeron un chamamento ao veciños e veciñas de Silleda para participar nestas actividades “que ademais de traer a Silleda actuacións de nivel, teñen un trasfondo social que debemos de recoñecer”, engaden.
Así mesmo, lembraron que o Concello de Silleda ademais de colaborar acollendo esta cita dende hai xa 7 anos, vén asinando un convenio de colaboración con Sogaps para financiar as viaxes dos nenos e nenas que participan no programa.
Prazo de acollida aberto
Este ano serán 5 as familias acolledoras de Silleda que participarán no programa Vacacións en Paz. Dende Sogaps Pablo Romeo indicou que as familias interesadas aínda están a tempo de inscribirse ao longo deste mes. Da comarca están confirmados tamén 3 de Lalín e 1 familia de Rodeiro.